Os Concellos de Cervo e Xove fletarán de novo buses para unha concentración por Alcoa, a da Coruña

O Goberno non se pronuncia polo de agora sobre prazos de aprobación do estatuto das electrointensivas nin sobre se terá en conta as alegacións presentadas

Concentración polo futuro de Alcoa en Xove. ELISEO TRIGO/EFE

Os Concellos de Cervo e Xove fletarán de novo autobuses para as concentracións para reclamar ao Goberno central un abaratamento da enerxía eléctrica que Alcoa reclama para non pechar a fábrica de aluminio de San Cibrao. Despois de que os executivos locais dos municipios veciños, onde se ubica o complexo industrial da multinacional, habilitaran autocares para que a veciñanza asistise á marcha de Lugo, custearán o desprazamento para acudir á concentración do mércores 11, na Coruña.

Os tres sindicatos maioritarios a nivel galego -CC OO, UGT e CIG- convocan a protesta, ante a Delegación do Goberno, para reclamar un futuro para a industria electrointensiva. A concentración será ás 11.00 horas, e os buses sairán ás 8.30 horas de Cervo (casa do mar de San Cibrao, cunha parada 15 minutos despois na capital municipal), e de Xove (centro cívico). A volta será ao mediodía.

Os alcaldes de Cervo e Xove, os populares Alfonso Villares e Demetrio Salgueiro, cualifican a situación de aluminio de “momento crítico para a comarca”, e urxen ao Goberno central para que “teña en conta as alegacións ao estatuto do consumidor electrointensivo e o modifique para establecer un prezo da enerxía xusto que permita seguir producindo en San Cibrao”. Diso dependen, argumentan, “infinitos servizos públicos, as administracións e outras moitas empresas da contorna”.

Por agora, o Executivo central non dá prazos sobre a aprobación do documento -tampouco se se tramitará como Real Decreto ou deberá ter a luz verde do Congreso dos Deputados– nin sobre se terá en conta as reclamacións presentadas por sindicatos, partidos e os Gobernos autonómicos de Galicia, Asturias e Cantabria.

CxG INSTA AOS ALCALDES E DEPUTADOS SOCIALISTAS A QUE “PIDAN A BAIXA” DO PARTIDO

O candidato de Compromiso por Galicia (CxG) ao Parlamento de Galicia na provincia de Lugo, Juan Carlos Piñeiro Docampo, esixiu aos alcaldes socialistas na Mariña Lucense e aos doce deputados galegos de PSOE e Unidas Podemos no Congreso que “soliciten a baixa” nos partidos para presionar de cara a “unha solución” para a “falta de seguridade xurídica e de costes” que ten Alcoa.

“O PSOE na súa estratexia política ten planeado un xiro cara a política ecolóxica. Os socialdemócratas de Alemaña e Francia foron vítimas dos partidos Verdes. Pedro Sánchez ten decidido a descarbonización e ser o líder europeo das políticas verdes, pouco lle importa Galicia, somos poucos votantes” dixo Piñeiro.

“España quere optar aos fondos de Green Deal da Unión Europea, e apoiamos esa política, pero ten que facerse unha transición xusta sen que pague Galicia todo a peaxe. E a Mariña especialmente”, argumentou para xustificar a súa solicitude.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here