EFE. O comité de empresa e a dirección de Alcoa en San Cibrao decidiron este luns a adopción dunha serie de medidas para previr posibles contaxios por coronavirus e garantir unha actuación o máis áxil posible de detectarse casos positivos no persoal da fábrica, que conta con máis de 1.000 traballadores.
De momento, nin a empresa nin o comité teñen constancia neste momento de “ningún caso de coronavirus na planta”.
“Para manter a trazabilidade“, subliña o comité de empresa, ante a aparición dalgún posible caso de coronavirus na planta, tomouse a decisión de limitar “na medida do posible a rotación e cambio de quendas” entre traballadores.
Así mesmo, a dirección da empresa e o comité comprometéronse a manter unha comunicación “diaria” e con “transparencia“.
O comité de empresa pediu a elaboración dun “listado de persoal de alto risco“, pero o servizo médico evaluará cada caso por separado e adoptará as “medidas oportunas individualmente”.
Para previr as aglomeracións realizarase unha “entrada e saída por chanzos das quendas e da xornada intensiva” e, ademais, recomendaráselle aos membros do persoal que veñan “vestidos con roupa de traballo” para evitar a concentración de persoal “nos vestiarios”. Tamén se realizará unha “desinfección frecuente das zonas comúns” e dos transportes colectivos. Ademais, valórase “dotar a cada traballador dun kit de limpeza”.
No tocante á conciliación familiar, o comité precisa que se estudiará en cada caso “previa solicitude do traballador”. O teletraballo “estase a activar nos postos nos que é posible”.