A dirección de Sargadelos sorprendeu aos seus traballadores, que mantiveron este venres unha xuntanza coa dirección da firma, ao anunciar o cesamento de 49 obreiros, a metade do cadro de persoal da fábrica cervense.
Este mesmo día, con moitos operarios de vacacións ou de días libres -o mércores foi festivo a nivel galego e o xoves San Roque, patrón local-, executáronse oito despedimentos.
NOVOS EMPREGADOS
O conselleiro delegado do grupo empresarial, Segismundo García, asegura que a empresa decidiu prescindir de 49 novos empregados nun contexto de enfrontamento coa representante sindical da Unión Xeral de Traballadores (UXT) na fábrica, Rogelia Mariña.
A sindicalista, que leva décadas como representante dos traballadores na fábrica e foi presidenta do comité de empresa, foi despedida no 2016 por cuestionar a García, un cesamento considerado improcedente polo Xulgado do Social nº 3 de Lugo. Sargadelos debeu readmitir á operaria e indemnizala con 30.000 euros por danos morais.
de fondo late un conflito coa representante de uxt na fábrica, despedida e readmitida por orde da xustiza
O dirixente de Sargadelos afirma que a sindicalista “ameazou” con demandar á empresa polos contratos laborais destas persoas, ao entender que vulneraban os dereitos dos traballadores en varios aspectos, entre eles a remuneración. Neste documento adxunto, o empresario argumenta a súa postura. CARTA
García asegura, que, “dado o aumento de pedidos e a imposibilidade de subir prezos pola carestía do mercado”, o grupo empresarial contratou a estes obreiros “cun salario inferior ao do persoal supervivinte do concurso de acreedores no que aínda estamos inmersos, pagando as correspondentes débedas”.
o conselleiro delegado di que o sindicalismo é “a rémora da empresa”
NON DESCARTA “O PECHE”
O conselleiro delegado de Sargadelos subliña que “non é nada doado contratar 49 persoas en ano e medio, o que non podemos facelo é coas prerrogativas que a lei dá aos antigos. Non enganamos a ninguén, todos sabían as súas condicións de traballo”, destaca.
E xustifica a decisión de despedir a estas persoas “pola presión sindical. Así, no seu léxico, ninguén será ‘explotado’”, afirma, para concluír que “a lexislación laboral ampara aos sindicatos e eles están a ser a rémora da empresa”.
Neste senso, o dirixente do grupo empresarial sostén que “non haberá marcha atrás por parte da firma” e non descarta “o peche da fábrica”. No tocante á factoría de Sada, non se esperan despidos.
A UXT: “É INCONGRUENTE”
Fontes da Unión Xeral de Traballadores mostran a súa “sorpresa” polos despedimentos e polo anuncio da empresa e aseguran que “non hai nada interposto” contra a situación laboral dos novos traballadores da fábrica.
a uxt sinala que “non hai causa obxectiva” para os cesamentos e defende á súa representante, que “fai o seu traballo”
As fontes sindicais sinalan que a súa representante “non está a facer nada máis ca o seu traballo” e cuestionan que exista “unha causa obxectiva” dos despedimentos.
Lembran que “cando se pretende despedir a alguén o primeiro que hai que facer é informar aos delegados dos obreiros. A dirección está a ser incongruente; vende a boa situación económica da empresa e despois bota traballadores á rúa”, conclúen.
SITUACIÓN ECONÓMICA
A situación económica do grupo empresarial non é desesperada e García admite que non é a causa dos despedimentos.
A firma recibiu un revés en xaneiro, cando o Tribunal Supremo deu a razón á CIG e declarou irregular o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) executado no 2010. Sargadelos viuse obrigado a readmitir a sete traballadores e pagar o salario que deixaron de percibir durante o seu cesamento, o que a empresa cifrou nun custo de 800.000 euros.
Sen embargo, a facturación do grupo, que saíu no 2016 do concurso de acredores voluntario no que entrou no 2014, medrou nos últimos anos.
Cunha aposta -venta de xoias ou marroquinería, deseños de Agatha Ruiz de la Prada– criticada por moitos, ao entender que desvirtúa o concepto de Sargadelos que creou Isaac Díaz Pardo, e cunha forte oposición por parte dos sindicatos ao considerar que a súa concepción empresarial é lesiva para os traballadores, García conseguiu -segundo os datos da empresa- que o grupo facture entre sete e oito millóns de euros anuais. A débeda de Sargadelos sitúase, segundo a firma, en dous millóns.