Alcoa emitiu na tarde deste luns un comunicado de prensa no que informa de que “trala publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do Real Decreto-Lei, confirmamos que a actividade produtiva da fábrica de San Cibrao, tanto da planta de aluminio como a de alúmina, foi considerada como esencial, polo que continuará desenvolvéndose con normalidade”.
A nota da multinacional parece poñer fin a dous días de confusión sobre a situación de aluminio, planta que produce en continuo e na que un apagado inmediato das 480 cubas de electrolise podería “danar irreversiblemente” a maquinaria, segundo lembrou o comité de empresa do complexo industrial de Cervo.
Nun luns no que as quendas e traballos no complexo industrial mantivéronse intactas, a situación deu un xiro nunhas poucas horas, tras presionar Alcoa ao Executivo central. Sobre o mediodía, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Unidas Podemos), asegurou en ‘Al Rojo Vivo‘ que a continuidade da electrolise estaba recollida “no artigo 4” da normativa aprobada o pasado domingo para tentar conter o coronavirus, o que obrigaba á multinacional a decretar servizos mínimos para manter acendidas as cubas co mínimo persoal posible, como ocorre nas fins de semana.
Con todo, Alcoa reclamou ao Ministerio de Industria, que encabeza Reyes Maroto (PSOE), que o Goberno central recoñecese a actividade da fábrica de alúmina e aluminio como “esencial“, a fin de manter a produción na súa totalidade. Fontes da propia empresa confirmaban esta mañá que se estaba “a traballar” para que San Cibrao gozase desa consideración, dado que a factoría da Mariña Lucense fabrica aluminio que se utiliza en sectores indispensables como o farmacéutico ou o alimentario.
A EMPRESA INSTA A APLICAR “CO MÁXIMO RIGOR” AS MEDIDAS DE SEGURIDADE
Fontes cercanas a Industria, consultadas este mesmo luns polo Xornal da Mariña, si interpretaban que o complexo industrial sancibrense é obxecto de excepción, aínda que non concretaron que punto do Real Decreto-Lei distingue a Alcoa coa mencionada categoría de “esencial”. Estas mesmas fontes remitíanse á normativa anterior -do pasado 14 de marzo-, na que tampouco hai un artigo concreto sobre a industria electrointensiva ou siderometalúrxica. Finalmente e tras o que parece un cambio de opinión por parte do Executivo central, a multinacional poderá manter a produción ao 100% como, resaltaba o comité en declaracións a Efe, “o fan empresas competidoras de países como Italia, onde a situación é peor que aquí”.
Nun comunicado aos sindicatos, o presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, instou aos obreiros a “seguir traballando con normalidade, enfocados no que podemos controlar e aplicando co máximo rigor as medidas para protexer a nosa seguridade e saúde e a de quenes nos rodean nestes momentos tan difíciles”.
CAJOTO AGRADECE AO GOBERNO A “BOA DISPOSICIÓN”
O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, agradeceu a “boa disposición” do Goberno central para que “Alcoa continúe traballando. É unha empresa que produce aluminio, un produto esencial para moitas industrias como a alimentaria, a conserveira e de produtos básicos e de primeira necesidade”, argumenta o rexedor focego.