Astilleros Gondán, de Castropol, anunciou nun comunicado que iniciou a construción de dous CSOVs (Commissioning Service Operation Vessels) de 88,30 metros de eslora e 19,70 de manga, con deseño da firma norueguesa Salt Ship Design, para o armador Østensjø Rederi A/S.
“Deseñados co obxectivo de converterse nos barcos máis ecolóxicos e eficientes do mundo do seu tipo, estes buques forman parte dun ambicioso programa de construción, anunciado polo armador o pasado ano, para abordar o mercado Offshore Eólico“, sinala a empresa, que deste xeito elaborará catro naves para o proxecto.
Con estes barcos, que contan cunha acomodación para 120 persoas (97 técnicos e 23 tripulantes), Astilleros Gondán suma xa catro buques para o sector da enerxía eólica mariña e 15 barcos construídos para o armador noruego.
EFICIENCIA ENERXÉTICA
Segundo concreta Gondán, “todos os sistemas de a bordo” destas dúas naves “foron pensados para optimizar a eficiencia enerxética dos buques, reducindo ao máximo a súa pegada de carbono e permitindo unha operación estable e segura, aínda en condicións climáticas adversas”. Así, expón a empresa, trátase “do primeiro buque en incorporar tecnoloxía que permitirá no futuro unha operación con cero emisións, grazas á utilización de líquido hidroxenado (LOHC); tamén pioneiro en incorporar unha configuración da súa propulsión diésel-eléctrica, que reduce o consumo de combustible (Blue Drive C Star);
finalmente, incorpora outra novidade, propulsores Voith de imáns permanentes.
“Esta tecnoloxía, consistente na transformación dunha propulsión cicloidal convencional nunha propulsión 100 % eléctrica, redundará nunha redución de pesos, consumos, minimizando á súa vez as emisións acústicas”, sinala a nota.
Ademais, levarán instalado un guindastre de 5 toneladas/24 metros con sistema de movemento compensado 3D de tipo colibrí, e unha pasarela compensada integrada cun elevador para a transferencia de persoal técnico aos aeroxeneradores, de arquitectura totalmente eléctrica e con capacidade de recuperación da enerxía que, tras ser almacenada nos packs de baterías instaladas no buque, poderá atender as necesidades en picos de demanda de potencia, e sistema remoto de control integrado.
Finalmente, contarán cun “avanzado sistema de recuperación de toda a calor xerada abordo, que permite un mellor aproveitamento da enerxía e a consecuente redución de consumo e emisións”, e con “sistemas de estabilización para modos estático e dinámico”.