EFE. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, considera que a crise económica xerada pola pandemia do coronavirus, engadida aos problemas da elevada tarifa eléctrica, “poden formar un cóctel explosivo que faga saltar a fábrica polo aire”.
Zan indicou a intención de pedir na reunión prevista o vindeiro xoves co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a súa mediación coa dirección da multinacional estadounidense do aluminio para impedir a decisión de non reparar as cubas que cheguen ao final da súa vida útil.
En declaracións a Efe, Zan aclarou que nun conversación telefónica co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, onte xa lle manifestou a súa preocupación por esta decisión da empresa e solicitoulle que a Xunta interveña para que a empresa “siga reparando as cubas que chegan ao final da súa vida útil“.
Esta medida, prevista para o primeiro de maio, suporía perder 50 empregos directos en auxiliares como Reymogasa, Cyrgasa e Rodabell, pero probablemente decenas de postos de traballo -arredor de cen- ao perder estas empresas unha facturación importante e fixa durante o ano.
Nestes momentos, ademais do elevado prezo da enerxía, o sector enfróntase ao problema do “baixo prezo” do aluminio no mercado internacional por un “falta de clientes”.
ROLDA DE REUNIÓNS
O comité de empresa de Alcoa está ademais “pechando data” para reunirse co BNG e o 7 de maio entrevistarase co director da multinacional en España, Álvaro Dorado. Ademais, expoñen os sindicatos, tamén agardan manter unha reunión co secretario de Industria, Raül Blanco, “antes do remate desta semana”.