InicioEconomíaO comité de Reymogasa: "o cambio de cubas é o 90% da...

O comité de Reymogasa: “o cambio de cubas é o 90% da facturación, sen el non subsistiremos”

A plataforma de auxiliares apunta a Alcoa, que está "despedindo xente con contrato exclusivo para ela" e "pasando a responsabilidade" ás empresas contratistas

Publicada o

- Advertisement -

O anuncio de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Ertes) en Reymogasa e Cyrgasa, cun total de 43 traballadores afectados, trala renuncia de Alcoa a continuar as tarefas de rebrascaxe -as que permiten reparar e reactivar as cubas de electrolise na planta de aluminio-, sume estas dúas auxiliares do complexo industrial de San Cibrao nun futuro incerto, especialmente o da empresa máis afectada.

En Reymogasa, onde o recorte da multinacional afectaría a 30 traballadores, o presidente do comité, Javier Prado, ve difícil poder seguir sen o contrato de cambio de cubas, que supón “o 90% da facturación” da auxiliar, asegura. “Coa carga de traballo que nos quedaría, a esta empresa non lle dá para subsistir”, afirma.

DE 250 EMPREGADOS A 45 EN VINTE ANOS

A situación provocada pola decisión de Alcoa agrava unha situación delicada da empresa, que vén de perder 65 traballadores que foron subrogados a Dominion I & I pola renuncia ao contrato de mantemento mecánico no departamento de dixestión de alúmina. Deste xeito, Reymogasa perdeu case a metade do seu persoal, e de prosperar o Erte anunciado pasaría nun prazo dun ano de 140 a 45 operarios. A principios da pasada década, a auxiliar chegou a dar emprego a 250 empregados.

Por agora, ao igual que acontece en Cyrgasa, onde habería 13 afectados directos, non hai documentación oficial sobre a mesa e os sindicatos esperan notificacións oficiais por parte da empresa.

Prado non entende como un sector que foi declarado esencial hai unhas semanas está agora na corda frouxa, e lamenta a actitude de Alcoa. “Este é o primeiro paso para desmantelar a fábrica. Estivemos sempre aguantando a pancarta das auxiliares nas reivindicacións a favor do estatuto electrointensivo, e agora somos os primeiros en caer. Non o consideramos xusto”, remarca, para asegurar que malia que o estado de alarma dificulta a organización de protestas “defenderemos como poidamos os postos de traballo”.

A COORDINADORA PIDE A GOBERNO E XUNTA “QUE SE POSICIONEN”

Prado agradece o apoio do comité de empresa de Alcoa. Este mesmo mércores, a plataforma que aglutina a representación sindical en 21 auxiliares amosou a súa “total disconformidade” co anuncio de Ertes e apuntou á multinacional.

“É Alcoa a que está despedindo persoal, queremos ser claros: os traballadores que operan na factoría desenvolven empregos directos e exclusivos para dita multinacional”, polo que lle afeou “que deixe toda a responsabilidade nas empresas auxiliares”.

“Dende que o Estado español lle vendeu a factoría a Alcoa esta eliminou máis de 600 postos de traballo do seu persoal, externalizándoos en empresas auxiliares e precarizándoos, máis agora que chega o primeiro golpe somos nós os primeiros en vernos no paro”.

A plataforma lamentou que, trala declaración dos servizos das auxiliares como esenciais, “nin Goberno nin Xunta de Galicia se posicionan sobre se son importantes os nosos postos de traballo ou non”.

Despois de solicitar a renuncia ás horas extraordinarias, a coordinadora apoia “a petición do comité de traballadores de Alcoa para que a multinacional dea marcha atrás e paralice de inmediato a medida anunciada”.

CC OO RECLAMA A ALCOA “UN PLAN DE VIABILIDADE”

A sección de industria de Comisións Obreiras (CC OO) da Mariña esixiu a Alcoa que paralice a “dura medida que acaba de aplicar en San Cibrao” e que “sente cun plan de viabilidade, que poña encima da mesa investimentos específicos con tempos concretos para levalas a cabo, esixindo á súa vez ás Administracións Públicas, tanto ao Goberno coma á Xunta e administracións locais da comarca, que dunha vez por todas senten a negociar
seriamente, para salvagardar o tecido da actividade económica da bisbarra ante a crise económica que se aveciña”.

RODABELL APLICA XA O CALENDARIO ROTATIVO DE VACACIÓNS

En Rodabell, a terceira empresa afectada, con oito obreiros, iniciouse xa o calendario rotativo de vacacións para liberar persoal dispoñible e evitar deste xeito que o recorte de Alcoa afecte aos oito traballadores que desenvolvían tarefas de rebrascaxe en aluminio.

A empresa, con 42 empregados, poderá salvar a situación deste xeito ata o mes de xullo, segundo informaron fontes sindicais, pero queda por ver que pasará co emprego se a medida “temporal” de Alcoa se alonga máis dese período.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...