Reymogasa e sindicatos asinan un Erte con 33 obreiros afectados durante un máximo de 180 días

O expediente terá vixencia ata o 31 de decembro e será de carácter rotativo, segundo expuxo o comité; suspéndese o emprego de case a metade do persoal

Obreiros de Reymogasa, nunha reunión polo conflito laboral da subrogación de 65 empregados. AXM

O comité de Reymogasa chegou este venres a un acordo coa empresa para aceptar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) que suporá a suspensión do contrato de 33 traballadores, cun máximo de afectación de 180 días por obreiro dentro do período de vixencia do acordo, ata o 31 de decembro deste ano.

Dúas auxiliares de Alcoa, Reymogasa e Cyrgasa, presentaron senllos Ertes despois de que Alcoa anunciase a renuncia á brascaxe de cubas de electrolise na planta de aluminio, a tarefa que permite reactivar a maquinaria cando chega á fin da súa vida útil.

O Erte de Reymogasa, segundo concretou o organismo de representación dos traballadores, será “rotatorio” e establecerase un preaviso para a incorporación de 48 horas.

INDEMNIZACIÓNS

No aspecto económico, a empresa abonará aos traballadores afectados polas suspensións o 50% da bolsa de vacacións e o 50% das pagas extraordinarias correspondentes aos días de aplicación efectiva da suspensión. Tamén se establece unha compensación futura para o persoal afectado que consuma prestaciones de desemprego durante o período de Erte se os contratos se extinguen por despedimento obxectivo individual ou colectivo durante 2021.

Establécese unha comisión de seguimiento para que se cumpran todas as condicións deste acordo.

“AGORA DEPENDE DE ALCOA”

O comité de Reymogasa agradece “o apoio e a comprensión dos nosos compañeiros nestas semanas de tensión e incerteza, así como ao comité de Alcoa e á coordinadora de empresas auxiliares polo seu apoio e colaboración, así como aos sindicatos CIG, CCOO e UGT polo seu asesoramento”.

“Con ese contrato suspendido, non será viable Reymogasa, porque perder o cambio de cubas supón a meirande parte da facturación. Isto agora depende de Alcoa”, resalta o comité, dado que a empresa auxiliar e os sindicatos acordaron suspender os contratos de case a metade do persoal (33 de 75 obreiros).

OS SINDICATOS VEN “IMPUGNABLE” O ERTE DE CYRGASA, QUE SE NEGA A RECOLOCAR O PERSOAL

Por outra banda, en Cyrgasa, onde se negocia un Erte que en principio afectaría a doce persoas -unha das 13 afectadas está en período de prexubilación-, a auxiliar de Alcoa rexeitou a proposta dos sindicatos. O presidente do comité, Diego Fernández, asegura que “fixemos un traballo moi completo para facer un calendario que permitise recolocar aos empregados de brascaxe noutras tarefas compatibles, ademais de utilizar as vacacións para evitar o expediente”, pero a empresa “negouse a negociar”.

A proposta de Cyrgasa, segundo concreta o sindicalista, é similar á de Reymogasa, cun Erte ata o 31 de decembro, cun máximo de parón de 180 días por traballador, co compromiso de aboar o 50% da bolsa de vacacións e o 50% das pagas extraordinarias correspondentes aos días de aplicación efectiva da suspensión.

A compensación no caso de os contratos se extingan por causa obxectiva en 2021 será de que 33 euros brutos por cada día de permanencia en situación legal de desemprego durante a aplicación do Erte.

Os sindicatos consideran que “a situación de Cyrgasa non é a de Reymogasa” e ven a posibilidade de “impugnar” o Erte, porque “insistimos en que se pode evitar recolocando á xente ou tamén reducir o número de traballadores afectados“. O martes haberá unha nova xuntanza coa empresa, posterior a unha reunión cos traballadores afectados.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here