O PP da Mariña recriminou ao Goberno central a súa “inacción” ante a situación da factoría de Alcoa en San Cibrao, tras “18 meses nun punto morto” e cun estatuto do consumidor electrointensivo “que non dá ningunha garantía nin á multinacional nin ao sector en xeral”.
Así o manifestaron este sábado os representantes do PP en Viveiro, Burela, Ribadeo, Cervo, Xove e O Vicedo, con Óscar Rodríguez, Manuel Rouco, Daniel Veiga, Alfonso Villares, Demetrio Salgueiro e Jesús Novo, respectivamente. Todos mantiveron unha reunión telemática coa presidenta do PP na provincia de Lugo, Elena Candia, e os deputados nacionais e senadores lucenses.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, argumentou que “só hai unha solución para Alcoa” e é que “o Goberno central aprobe unha tarifa eléctrica que sexa competitiva” con respecto ás condicións produtivas doutros países europeos.
Ademais, considera que “querer falar doutras cousas e meter a outros actores no debate é non querer arranxar o problema”, polo que pide ao Executivo estatal que non lles “quite” o que tiñan e “evite que ese diñeiro se vaia a outros países”.
Pola súa banda, o rexedor de Xove, Demetrio Salgueiro, insistiu na necesidade “inmediata” de modificar o estatuto coas alegacións que se presentaron.
Na mesma liña, Candia censurou a “escasa” responsabilidade que están a demostrar os responsables locais e provinciais do Partido Socialista a este respecto, xa que “seguen de perfil” e “prefiren defender antes a Pedro Sánchez que aos seus veciños, a súa provincia e a súa comarca”.