Os sindicatos das auxiliares esixen participar nas negociacións: “somos a metade do persoal de aluminio”

Os delegados valoran protestas se Alcoa se nega a incluílos nas conversas dun despedimento colectivo que afectaría a 400 obreiros das contratistas

Barricada de pneumáticos na protesta deste martes. CIG

A coordinadora dos sindicatos das empresas auxiliares de Alcoa reclama que delegados sindicais das contratistas afectadas polo despedimento colectivo anunciado pola multinacional en aluminio sexan recoñecidos como representantes legais dos obreiros nas reunións que manteñan dirección e comité ao longo das vindeiras tres semanas, o que se estima que dure o período de consultas informal do Expediente de Regulación de Emprego (ERE). O vindeiro encontro será o xoves.

Segundo explican fontes da coordinadora, a plataforma solicitou ao comité de empresa que trasladase esta petición á compañía, un requerimento ao que Alcoa se negou. “Quérennos deixar fóra e se é necesario realizaremos mobilizacións para esixir o noso dereito, dado que representamos á metade do persoal da planta de aluminio“, sosteñen.

“Non é difícil saber por que Alcoa non nos quere nas conversas; prefire non ter máis representantes legais que poidan molestar”, afirma o voceiro da coordinadora, Quique Rocha.

CASE 30 EMPRESAS IMPLICADAS

Ata dez empresas auxiliares teñen o 100% dos seus contratos na planta de aluminioCotelsa, Reymogasa, Rodabell S. A. e Montajes Rodabell, Industrias Xove, Noguera, Jofrasa, Mayco, Tecresa e Pasek. A estimación é que o recorte da produción que planea Alcoa afecte a uns 300 traballadores destas empresas.

Con todo, o número de posibles afectados ascende a uns 400 contando os obreiros daquelas auxiliares que teñen contratos en ambas plantas, alúmina e en aluminio, arredor dunha vintena. A esta cifra habería que engadir os 45 contratos suspendidos en Reymogasa e Cyrgasa por mor da decisión de Alcoa de renunciar ao cambio de cubas.

RECORTE DE TAREFAS E DE TEMPOREIROS

Rocha salienta ademais que “xa houbo recortes nas plantas de alúmina e aluminio en determinadas tarefas, como obras e traballos estacionais, que fixeron que arredor dunha vintena de  temporeiros non fosen renovados“, sostén. Deste xeito, o cálculo de posibles despedimentos se Alcoa saca adiante o despedimento colectivo arroxaría “un milleiro de persoas”.

A coordinadora valora a realización de actos reivindicativos e o vindeiro mércores reunirase co comité de empresa.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here