O presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, asegurou este mércores que o Goberno central “busca investidores” para “salvar” a planta de aluminio de Alcoa San Cibrao. Fíxoo no Congreso dos Deputados, durante un debate sobre a prórroga do estado de alarma no que o anuncio dun despedimento colectivo por parte da multinacional, con ata 534 despedimentos, centrou as intervencións de boa parte dos congresistas.
Interpelado ao respecto por Néstor Rego (BNG), que o instou a intervir Alcoa San Cibrao e “nacionalizala” se é preciso, e por Pablo Casado (PP) e Santiago Abascal (Vox), quenes o acusaron de “atacar” á multinacional, Sánchez descargou as culpas no anterior Goberno central, asegurando que o Executivo tenta “resolver” os “parches” –no que parece unha clara alusión á cuestión da enerxía– e “a política de desindustrialización” do seu precedente no cargo nun conflito “que vén de lonxe”.
Sánchez remarcou que no caso da Coruña e Avilés “tutelouse o proceso de compra e salváronse os empregos”, malia que o conflito laboral persiste, e afirmou que o Executivo central “busca investidores” tralo anuncio do que tanto el coma Alcoa chamaron a “reestruturación” da planta de aluminio de San Cibrao.