EFE. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) solicitoulle á Xunta de Galicia acceso aos informes elaborados polos seus inspectores ambientais sobre a balsa de lodos vermellos -que son os residuos procedentes do procesado da bauxita para obter alúmina– construída en Cervo, así como información sobre os avais depositados pola multinacional para facer fronte a un hipotético derrube.
AFECTACIÓN SOBRE “NÚCLEOS, EXPLOTACIÓNS E O ECOSISTEMA MARIÑO”
A SGHN, asociación independente e científica dedicada ao estudo, divulgación, conservación e defensa do medio natural recorda que si esa balsa chega a romperse podería afectar “a núcleos habitados, explotacións acuícolas e a todo o ecosistema mariño“, polo que lle pide á Xunta de Galicia que adopte todas as “medidas legais para bloquear os bens e activos de Alcoa co fin de garantir a descontaminación integral das súas instalacións e a estabilización da balsa de lodos coas mellores técnicas dispoñibles a nivel mundial”.
AUDITORÍA EXTERNA
Ademais, reclama “unha auditoría externa sobre o estado e a estabilidade da balsa, preferiblemente por parte dun organismo público de recoñecido prestixio, como o Instituto Geológico y Minero de España“.
De feito, recorda que, “máis aló das graves consecuencias” que pode supoñer para a economía da zona o peche da planta, a SGHN afirma que “o abandono sen máis das instalacións de Alcoa deixaría unha bomba de reloxería ambiental, que urxe avaliar e desactivar con cargo aos recursos económicos da empresa“.
ATA 2025
Precisa que a balsa de lodos vermellos, proxectada inicialmente para unha capacidade máxima de 42 hm3, ocupa “actualmente unha superficie dunhas 87 hectáreas, ten un dique de contención de máis de 80 metros de altura e un quilómetro de lonxitude na súa coronación”.
Recorda, así mesmo, que “segundo declaracións de Rubén Bartolomé, antigo director da planta de San Cibrao e presidente de Alcoa España entre 2015 e 2019, a vida útil da balsa remataría no 2025“.