A Xunta segue aliñada coa patronal e urxe ao Goberno a aprobar o estatuto e recuperar a interrompibilidade

Conde afirma que "hai marxe" para convencer a Alcoa de que retire o despedimento colectivo e insiste en presionar ao Estado malia a petición dos traballadores de "ir todos no mesmo barco"

Reunión telemática de Francisco Conde con AEGE. AXM

Representantes da Asociación de Empresas de Gran Consumo Eléctrico (AEGE) reuníronse esta tarde co titular de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, con quen coincidiron na “urxente necesidade” dun prezo eléctrico competitivo para ofrecer unha solución tanto a esta industria como aos milleiros de empregos asociados en Galicia.

Segundo informou o Goberno galego nun comunicado, tanto a Administración autonómica como o tecido empresarial esperan que o Goberno dea unha solución definitiva na mesa de Alcoa San Cibrao convocada para mañá, “xa que logo de ano e medio a prioridade sen resolver segue sendo a mesma: fixar un prezo eléctrico estable que permita á industria electrointensiva galega competir en igualdade de condicións co resto de Europa e evite o peche da única planta que actualmente produce aluminio primario en España”.

Por iso, desde a Xunta e o sector se incide na urxencia de aprobar un estatuto electrointensivo que aporte este marco enerxético “e no que se teñan en conta as alegacións presentadas en Galicia e que foron consensuadas coa industria galega e cos gobernos de Asturias e Cantabria“.

PIDE UN PLAN DE INVESTIMENTOS ESPECÍFICO PARA ALCOA

Tamén é necesario, engade o Goberno galego na nota, “un plan de investimentos específico que permita acceder aos novos fondos europeos e que dea viabilidade e garantías de futuro a longo prazo a esta industria”.

Recorda ademais a Xunta que “aínda está pendente de convocar a poxa de interrompibilidade para o segundo semestre do ano”.

O GOBERNO TEN “OS INSTRUMENTOS NECESARIOS”, AFIRMA

Conde considera así que “hai marxe de actuación” e que o Goberno “ten sobre a mesa os instrumentos necesarios para revertir a situación”.

O comité de empresa de San Cibrao solicitara ao conselleiro Conde nunha entrevista telemática que as Administracións central e autonómica e os sindicatos “remaran na mesma dirección” para procurar unha solución á planta de aluminio ante a “falta de vontade” de Alcoa, unha idea na que o presidente do organismo de representación dos traballadores, José Antonio Zan, insistiu na mañá deste luns. O sindicalista pediu “que non se tiren as pedras do tellado uns aos outros, porque á fin quen quedaremos sen lousado seremos nós”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here