InicioEconomíaO aluminio, ao borde do abismo en Galicia

O aluminio, ao borde do abismo en Galicia

Unha ameaza de peche pesa sobre a fábrica da Mariña, a única que produce este metal en España; na Coruña, os obreiros de Alu Ibérica dubidan que haxa futuro trala venda a Riesgo

Publicada o

- Advertisement -

José Luis Ramudo e Ana González (EFE). A industria entrou de cheo na precampaña electoral galega coas múltiples protestas levadas a cabo polos traballadores das plantas de Alcoa, en San Cibrao, e de Alu Ibérica, na Coruña.

A factoría lucense de Alcoa é a única de España que produce aluminio primario pero sobre ela pesa unha ameaza de peche. Os avisos que veu lanzando nos últimos anos a multinacional en relación co estado de saúde da planta de produción de San Cibrao, en principio como consecuencia do elevado prezo da enerxía, cobraron forma hai pouco menos de tres semanas, cando a dirección da compañía anunciou o inicio de consultas informais para desenvolver un proceso de despedimento colectivo que afectaría a 534 traballadores.

MÁIS DE 900 EMPREGOS AMEAZADOS EN CERVO

O impacto sobre a provincia de Lugo, en xeral, e sobre a economía da comarca da Mariña Lucense, de forma particular, sería realmente brutal se finalmente a multinacional leva a termo os despedimentos anunciados dado que, na práctica, suporía deixar á planta de aluminio primario practicamente sen persoal, coas consecuencias inmediatas e directas para o emprego –arredor doutros 400 obreiros afectados- nas empresas auxiliares.

O complexo industrial de San Cibrao, asentado entre os municipios mariñaos de Xove e Cervo, está composto por unha fábrica de aluminio e unha planta de alúmina, que empregan a 633 e 510 persoas, respectivamente, e o seu peso na economía local é de tal envergadura que representa un terzo do produto interior bruto da provincia de Lugo.

Despois de anos de tiras e afrouxas, xeralmente provocados polo prezo da enerxía, que no caso das industrias electrointensivas representa unha porcentaxe moi elevada dos gastos de explotación, Alcoa comunicaba o pasado 28 de maio ao comité de empresa da fábrica o “inicio dun período de consultas” para o “proceso de despedimento colectivo”. A compañía propuxo que este período durase tres semanas, que se cumpren este xoves, de modo que a representación dos traballadores é consciente de que, se nada o remedia, a empresa podería presentar un ERE “a finais desta semana ou principios da próxima”.

SEMANA DECISIVA

O comité de empresa espera novas nas dúas reunións fixadas coa dirección de Alcoa para esta semana, concretamente para o mércores -día 17- e para o xoves -día 18-. En canto aos motivos que levaron á multinacional para tomar esta decisión, Alcoa cita “os altos custos de enerxía” pero tamén “o baixo prezo do aluminio que, xunto co exceso de capacidade global, causaron significativas perdas recorrentes, que se prevé que continúen”.

POLÉMICA ENTRE AS ADMINISTRACIÓNS

O Ministerio de Industria pídelle á compañía norteamericana que reconsidere a súa decisión e corresponsabilidade, porque tivo -e segue tendo- importantes axudas públicas, condicionadas ao mantemento do emprego, cifradas polo propio Goberno de España en máis de 37 millóns de euros nos dous últimos anos.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, dixo que, nestas circunstancias, a intervención da planta de aluminio primario debería estar como “primeira opción encima da mesa” para tratar de salvar a fábrica e pídelle a todos os partidos políticos que apoien esa posibilidade. “Cremos que a fábrica é viable e imos loitar para que siga funcionando. Non estamos para nada de acordo co que expuxo a empresa”, insistiu, ademais de pedir a “a Xunta de Galicia e ao Goberno centralque se “involucren” para tratar de buscar unha saída.

Por parte da Xunta de Galicia, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, culpou á ” inacción do Goberno” do posible peche da factoría de produción de aluminio primario.

APOIO DA VECIÑANZA

Namentres, sucédense as iniciativas por parte da sociedade mariñá para tratar de salvar o emprego en Alcoa e as manifestacións que se produciron nas últimas semanas son as máis multitudinarias que se lembran na comarca, con máis de 17.000 persoas na que percorreu Viveiro. “Os políticos están nerviosos” e “toca seguir apertando” para que busquen unha solución, asegura Zan.

NA CORUÑA, INCERTEZA TRAS FACER NEGOCIO PARTER COA PLANTA

Na Coruña, a incerteza apropiouse dos empregados de Alu Ibérica nos últimos meses tras ver como se incumpría o contrato que garantía os seus postos de traballo e a viabilidade da alumineira durante polo menos dous anos.

A fábrica situada no polígono da Grela viviu o ano pasado a súa etapa máis convulsa despois de que a entón propietaria, Alcoa, anunciase a súa intención de pechala. O 31 de xullo de 2019, os traballadores viron un indicio de esperanza ao conseguir, tras meses de protestas, que a multinacional vendese a factoría, xunto á de Avilés, ao fondo suízo Parter Capital, tras un proceso avalado polo Ministerio de Industria.

Pero o pasado mes de abril os empregados coñeceron ao novo propietario das plantas, o Grupo Industrial Riesgo, despois de que Parter lle cedese a maioría accionarial. Agora, piden que se lles devolva un ano de garantías que consideran “un engano” e reclaman que se clarifique a situación mercantil da empresa, pois dubidan da operación de venda que, ao seu xuízo, deben investigar o Ministerio de Industria e a Xunta de Galicia.

Esta fábrica, na que chegaron a traballar máis de 500 traballadores, agora acolle a 328 que temen polo seu futuro. O aluminio primario foi durante anos a maioría da súa produción, ata que Alcoa decidiu parar as cubas de electrólise en febreiro de 2019. Prosegue a fabricación de aluminio secundario, para a que é necesario comprar o metal primario a outras compañías.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...