InicioEconomíaFeijóo elude esixir á empresa e lanza un ultimátum ao Goberno: "sen...

Feijóo elude esixir á empresa e lanza un ultimátum ao Goberno: “sen interrompibilidade, sentenza a Alcoa”

O alcalde de Cervo asegura que só coa aprobación de incentivos como a subasta ou o comprometido estatuto das electrointensivas "saberanse as intencións" da multinacional

Publicada o

- Advertisement -

O presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, sinalou que leste mesmo mércores deu o seu “visto e prace” a unha carta “moi seria” na que urxe ao Goberno central a convocar “de forma inmediata” a poxa de interrompibilidade do segundo semestre.

A misiva, segundo explicou ao remate dun acto en Santiago de Compostela, será remitida á vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e á ministra de Industria, Reyes Maroto. Ademais, enviaralle “copia” ao presidente do Executivo estatal, o socialista Pedro Sánchez.

PETICIÓN POR CARTA AO EXECUTIVO CENTRAL

“Descoñecemos o prezo da enerxía para o segundo semestre para a empresa que máis consome“, lamentou Feijóo, na mesma xornada na que Alcoa informou de que iniciará o próximo 25 de xuño un proceso formal de consultas para o despedimento colectivo nas súas instalacións de aluminio en San Cibrao.

Na reunión deste mércores co comité de empresa en Lugo, a compañía comunicou que os representantes dos traballadores contarán cun prazo de sete días para designar aos membros da comisión representativa que participarán nas negociacións do período de consultas formal, que durará un mes.

A multinacional estadounidense lanzou o pasado 28 de maio un proceso de consultas informal dun despedimento colectivo que ameaza a 534 dos 633 traballadores da planta e a outros alomenos 400 de empresas auxiliares.

O PRESIDENTE DA XUNTA ASEGURA QUE ALCOA “NON PODE PAGAR” A LUZ “COMO UN DOMICILIO PARTICULAR”

“Se o Goberno segue sen sacar o paquete de interrompibilidade, é evidente que sentenza definitivamente a Alcoa. (A multinacional) non pode operar, nunca operou, nin cando era pública, nin agora que está privatizada desde hai décadas, cun prezo da tarifa eléctrica como opera un domicilio particular“, advertiu Feijóo, preguntado en relación ao avance do proceso para os despedimentos.

ATRIBÚE DE NOVO A UNHA “DECISIÓN ENERXÉTICA” DO GOBERNO UN HIPOTÉTICO PECHE DE ALUMINIO

“E temos 275 millóns de euros que proveñen do imposto do CO2 que nos deixa a UE para que se dediquen a interrompibilidade, e o Goberno, estamos a día 16 e aínda non sacou a poxa que ten que entrar en vigor o 1 de xullo”, lamentou a continuación.

Nesta conxuntura, trasladou a súa intención de tratar de “desbloquear” a situación e retou ao Goberno a que, en caso contrario, admita que a súa “decisión enerxética” é que “non se producirá aluminio primario en Galicia nin en España”.

“A ALCOA HAI QUE POÑERLLO DIFÍCIL” PARA QUE NON DESPIDA

O presidente avisou de que, se Alcoa “non ten xestos” concretos en relación a facer viable o prezo da enerxía, estáselle “pondo moi fácil” para seguir adiante cos despedimentos. “E creo que non hai que porllo fácil, hai que porllo difícil”, defendeu.

Por parte da Xunta, lembrou que se “comprometeu” con Alcoa a apoiar con investimentos de fondos europeos e préstamos participativos o plan de modernización que necesita a planta de San Cibrao para reducir os seus custos. Ao tempo, incidiu en que o Goberno asegurou que “polo prezo enerxético non ía ter problemas”, que “o que tiña que facer era investir”.

“Pois ben, nós imos axudar a Alcoa ou a calquera comprador desa planta a renovar e modernizar esa planta. Que o Goberno cumpra o seu compromiso, que é un prezo enerxético competitivo e nós cumpriremos o noso, axudar a esta industria enerxética a modernizarse e investir para consumir menos enerxía”, esgrimiu.

VILLARES RECLAMA UNHA POXA A MEDIDA PARA A MULTINACIONAL

O alcalde de Cervo, o tamén popular Alfonso Villares, cualificou de “alarmante e inquietante” o anuncio de Alcoa de que segue adiante cos pasos para o despedimento colectivo en aluminio.

Villares insistiu no argumento esgrimido pola Xunta e afirmou que “unha vez máis pedímoslle encarecidamente ao Goberno central que convoque urxentemente a poxa de interrompibilidade con bloques de 90 megavatios”, que son “os únicos que lle poden interesar á nosa empresa do aluminio e que saían a subasta ata o primeiro semestre do ano 2018; mentres que na última só estiveron dispoñibles os paquetes de 5 MW, o que supuxo un recorte substancial dos incentivos anuais”, resalta.

Ademais, reclama ao Executivo central que “aprobe ese estatuto das electrointensivas prometido incluíndo as alegacións presentadas polo propio Comité e por Galicia, Asturias e Cantabria”.

O rexedor cervense argumenta que “tan só se se dan ese pasos saberemos as verdadeiras intencións de Alcoa”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...