A reunión convocada o pasado martes en Santiago de Compostela polo Consello Galego de Relacións Laborais entre os servizos xurídicos de Sargadelos e a Unión Xeral de Traballadores (UXT) non serviu para chegar a un acordo, nin sequera para achegar posturas.
O feito de que a dirección aceptara a mediación da Xunta de Galicia tras varias negativas e algúns achegamentos durante as conversas abriron unha porta á esperanza de atopar unha solución negociada ao conflito laboral, pero a empresa asegura que “as negociacións están rotas“. Aínda que o sindicato reitera que está “aberto ao diálogo”, fontes do mesmo sinalan que as esixencias de Sargadelos “son inasumibles“.
A empresa non executou despedimentos este mércores, pero non descarta que poda retomar os cesamentos -efectuou 21- ata cumprir os 49 anunciados o pasado 17 de agosto. A negativa do xuíz a intervir cautelarmente no conflito laboral, como pedía a UXT, reforza a posición do grupo empresarial e debilita a do sindicato.
A UXT, que mantén as denuncias contra o conselleiro delegado, Segismundo García, e o grupo empresarial, anunciou que oficializará a súa postura cun comunicado nas próximas horas.
VOTACIÓN
As traballadoras da fábrica que forzaron a asemblea para votar a destitución ou a permanencia no cargo de Rogelia Mariña, a sindicalista da UXT sinalada polo conselleiro delegado, convocaron unha nova xuntanza para afrontar esta cuestión. Será o vindeiro venres, ás 15.00 horas.