Cento dez caras de 110 traballadores. Cento dez historias de 110 persoas. Cento dez familias sobre as que planea unha ameaza, a do despedimento colectivo presentado por Alcoa en San Cibrao. Na Praza dos Campos xa se pode ver a obra realizada polo fotógrafo Adra Pallón e polo artista clandestino Primo de Banksy, que simboliza á perfección o drama social tralo posible desmantelamento da produción de aluminio.
Sobre unha réplica, duns cinco metros de altura, da cheminea do complexo industrial, os retratos dos obreiros, en branco e negro. Pallón -que se dedica á fotografía documental con querencia por retratar os conflitos sociais- encargouse das imaxes, quitadas ao persoal á saída dunha quenda laboral na fábrica. Primo de Baknsy elaborou a escultura a partir de bidóns, nun traballo a dúo que durou semanas. “Neste combo artístico que fixemos, por chamalo dalgún xeito, o importante é visibilizar a loita da clase traballadora“, remarca o fotógrafo.
“A idea é sinxela. Eles construíron a fábrica, eles producen na fábrica cada día e eles son a fábrica“, manifesta Pallón. “Cremos que fai falta gañar o relato e deixar claro que sen industria, só con turismo, non se pode vivir. Esta é unha loita de todos”, salienta.
“Para min é un pracer facer algo con Primo de Banksy, con toda a repercusión e todo o talento que ten”, remarca Pallón. O artista clandestino xa deixou mostras da súa calidade no porto de Foz, onde debuxou un grafiti sobre as migracións no que Caronte, o barqueiro do Hades na cultura grega, leva unha gamela de migrantes.
Da súa segunda obra, a cheminea, sairá esta noite –na marcha nocturna convocada polo comité– fume azul, a cor que simboliza a loita dos traballadores.