InicioEconomíaAlcoa rexeita un plan industrial a dez anos proposto polo Estado para...

Alcoa rexeita un plan industrial a dez anos proposto polo Estado para aluminio e mantén o ERE

O Goberno ofrece modernizar a planta coa produción de hidróxeno verde e establecer un prezo da luz entre os 25 e 35 euros; a multinacional non ve "garantías nin certezas" no proxecto

Publicada o

- Advertisement -

O Goberno central comprometeuse este martes, na mesa multilateral polo futuro de Alcoa San Cibrao, a un plan industrial a dez anos vista, coa creación dun marco enerxético cun prezo do megavatio/hora entre os 25 e 35 euros, para dar viabilidade á planta de aluminio, onde a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía o despedimento de 534 obreiros e a outros 400 traballadores de empresas auxiliares. A compañía rexeitou a oferta pois non ve nela “garantías nin certezas” e mantén por agora a súa folla de ruta, polo que o vindeiro xoves iniciará o período de consultas do despedimento colectivo.

O EXECUTIVO SEGUE SEN PRECISAR AS MEDIDAS RECOLLIDAS NO ESTATUTO

O plan industrial proposto polo Executivo pasa, por unha banda, por abaratar o prezo da enerxía mediante acordos bilaterais (coñecidos como PPA) con varias fontes enerxéticas (gas de alta eficiencia de 100/200 MW, parque eólico de 400 MW e parque fotovoltaico de 800 MW), ademais de manter os elementos en curso -as compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2)- e incorporar o estatuto das electrointensivas, cuxas medidas aínda se descoñecen e do que non hai prazo de aprobación.

Estas propostas servirían para acadar unha tarifa eléctrica que pedían “empresa, Xunta de Galicia e traballadores”, segundo expuxo o secretario xeral de Industria, Raül Blanco.

A outra parte do proxecto do Goberno central é un plan industrial para o investimento en eficiencia enerxética, a fin de que San Cibrao se converta nunha “factoría modelo a nivel europeo co uso de hidróxeno verde“. Debera supoñer a implicación de Xunta de Galicia, Executivo estatal e Unión Europea.

“É posible introducir un proceso de produción máis limpo e sostible”, sinalou Blanco; “ademais, as tendencias vannos favorecer, porque nunha contorna de longo prazo ímonos a prezos máis baixos, grazas á implantación das enerxías renovables”, argumentou. Podes consultar o plan nesta ligazón. 20200623 San Cibrao

O ministerio de Industria, única voz do Executivo central na videoconferencia dado que non compareceu ningún representante ao máximo nivel de Transición Ecolóxica, tal e como pedían os obreiros, expuxo “unha ambiciosa proposta de futuro”, esixíndolle a Alcoa a retirada do ERE para traballar máis polo miúdo na concreción do marco enerxético, unha esixencia á que a multinacional se negou.

ALCOA “NON É NEUTRAL NA EVOLUCIÓN DOS PREZOS DA LUZ”, DI BLANCO

Blanco, que atribuíu a Alcoa un papel na “evolución dos prezos” da electricidade, dado que “non é neutral, porque orixina cambios cunha estratexia corporativa do oligopolio dos produtores de aluminio”, considerou que a situación de San Cibrao “non é un fenómeno illado”, poñendo como exemplo os casos das factorías da compañía estadounidense en Québec (Canadá), Ferndale (Washington, EE UU) e Córcega (Francia), ademais das veciñas de Avilés e A Coruña.

O GOBERNO SOSTÉN QUE HAI “XENTE DISPOSTA A ENTRAR COMO SOCIO ENERXÉTICO OU INDUSTRIAL”

Así, insistiu en que a planta é “viable” e remarcou que “hai xente disposta a entrar como socio enerxético ou como socio industrial, pero depende da empresa”, matizando que “esta proposta é incompatible con presentar un ERE pasado mañá”. Así, instou de novo á compañía a vender ou apartarse, mesmo suxerindo que pode haber compradores. “Se quere, estaremos axudando, se non, que venda a instalación e deixe paso a outros“, sostivo.

Blanco amosouse crítico tamén coa Xunta de Galicia, a quen acusou de “aliñarse contra o Goberno central dándolle aire a Alcoa”.

A EMPRESA INSISTE EN QUE A NEGOCIACIÓN DEBE SER COS TRABALLADORES

Alcoa, representada polo presidente da multinacional en España, Álvaro Dorado, valorou a reunión nun comunicado de prensa. Asegurou que “en relación ao prezo da enerxía, calquera proposta para alcanzar un prezo competitivo debe ir acompañada das suficientes garantías e certeza sobre a súa aplicación. Na mesa convocada polo Ministerio de Industria non se suscitou proposta algunha que se sosteña con garantías e certeza”, afirmou.

A multinacional asegurou que o prezo da enerxía e a sobrecapacidade mundial do mercado de aluminio fan “inviable” a produción en San Cibrao, polo que insiste en que “o marco axeitado” para discutir o futuro da planta “é a mesa de negociación cos representantes dos traballadores”, aquela na que os obreiros non teñen o amparo das Administracións.

Segundo fontes sindicais, con todo, Alcoa insiste en non abordar unha venda e segue a negarse a recoñecer como afectados polo ERE aos traballadores das contratistas.

O COMITÉ PIDE CONCRECIÓN POR ESCRITO NAS “MEDIDAS” E “PRAZOS” DO ABARATAMENTO DA LUZ

O comité de Alcoa, pola súa banda, asegurou que faltan concretar “as medidas técnicas” para desenvolver este marco enerxético comprometido polo Goberno central e tamén os “prazos” do mesmo.

Os sindicatos pedíronlle ao Executivo estatal unha mesa tripartita con Xunta de Galicia e traballadores a fin de avanzar na concreción deste proxecto, que de consolidarse por escrito permitiría, expoñen as centrais, “botar abaixo o ERE” ao desbaratar un dos principais argumentos alegados oficialmente por Alcoa.

Os sindicatos recibirán o vindeiro xoves a documentación do ERE e verán que motivos argumenta a multinacional para xustificar o despedimento colectivo, máis alá das comunicacións oficiais realizadas pola compañía, nas que atribúe a medida ao prezo da luz e ao contexto de sobrecapacidade mundial.

OS SINDICATOS SOLICITAN UNHA MESA TRIPARTITA

Ábrese así unha dobre vía para a resolución do conflito: por unha banda, Alcoa e sindicatos negociarán o ERE; por outra parte, as Administracións, pide o comité, deberán sentar cos traballadores para concretar as medidas que servirán para acadar ese marco enerxético que garanta viabilidade á planta de aluminio, freando o despedimento colectivo ou ofrecendo o caldo de cultivo para outro proxecto empresarial.

En todo caso, de rexeitar a multinacional seguir en San Cibrao e de non haber unha intervención por parte das Administracións -Xunta e Estado teñen as ferramentas para facelo-, a compañía será quen decida a quen vende. Entre os traballadores está o temor a outro fiasco coma o das plantas de Coruña e Avilés, mercadas por firmas con intereses máis especulativos que produtivos.

A XUNTA RECLAMA UNHA POXA DE INTERROMPIBILIDADE QUE, SEGUNDO O GOBERNO, SUPORÍA UNHA SANCIÓN MILLONARIA

O conselleiro de Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, asegurou finalmente a través doutro comunicado que “os contratos bilaterais promovidos polo Goberno non impiden o peche da planta xa que os seus efectos comezarían a notarse a medio e longo prazo“, e insistiu nas súas reivindicacións de que se publique no Boletín Oficial do Estado (BOE) “a convocatoria da poxa de interrompibilidade para o segundo semestre, se concreten as compensacións por emisións de CO2 e se aprobe o estatuto prometido hai máis de ano e medio”.

Sobre a subasta, Blanco precisou que o Estado sería obxecto de multa pola mesma, cifrando incluso a sanción imposta por Bruxelas en mil millóns de euros.

O conselleiro lembrou a proposta realizada pola Xunta de destinar á electrointensividade unha parte dos fondos europeos que Galicia poida recibir polos plans de industrialización das empresas que desenvolven servizos esenciais, así como un préstamo participativo para completar a modernización da empresa e garantir a súa produción durante as próximas décadas.

CONDE PIDE EXPRESAMENTE A ALCOA QUE “PARALICE O ERE”

Por primeira vez nun comunicado oficial, o Goberno galego solicitou a Alcoa expresamente “que paralice o ERE e ao Goberno que non peche a mesa industrial”, é dicir, que non desligue á multinacional das conversas sobre o plan de futuro para aluminio.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...