A Federación de Industria, Construción e Agro da Unión Xeral de Traballadores (UXT) asegura nun comunicado que utilizará “todos os medios legais, sindicais e xudiciais ao noso alcance” no conflito laboral de Sargadelos, e subliña que “nin a dignidade” da súa representante, Rogelia Mariña, nin “a acción sindical na defensa das operarias están en venta”.
No tocante ao fracaso da negociación convocada polo Consello Galego de Relacións Laborais, o sindicato resalta que “nesta xuntanza, o accionista maioritario de Sargadelos –Segismundo García– pretendeu que a UXT e a propia Xunta de Galicia aceptaran propostas á marxe da lei, coa única intención de vulnerar os dereitos fundamentais das traballadoras e en especial da nosa delegada, a única que defende os dereitos colectivos das súas compañeiras”.
RECLAMA Á XUNTA QUE ACTÚE
A UXT reclama unha maior implicación do Goberno galego e pregúntase se “só está para dar subvencións a empresas con este modelo de xestión cavernaria”. O sindicato sinala que “non deixa de ser sorprendente que nun centro que ten 262 requirimentos da Inspección de Traballo, se permita ao seu máximo accionista seguir campando ao seu libre albedrío”.
“OUTROS ACTORES, DE PERFIL”
O comunicado tamén interpela a “outros actores”, no que semella unha alusión a Comisións Obreiras (CC OO), o outro sindicato con representación na empresa. Así, a UXT inquire “se van seguir de perfil mentres o autodenominado patrón utiliza ás traballadoras como reféns para a práctica do seu despotismo”.
SEGURIDADE E PERMISOS DE PATERNIDADE
A UXT asegura que o conflito laboral está a afectar “ás medidas de seguridade, que se deterioraron” ou “aos permisos por paternidade, que non se cumpren”.
“MACHISMO”
“Alguén no seu xuízo pode crer que os problemas de Sargadelos son orixinados por unha delegada sindical que o único que fai e traballar e defendera ao resto de compañeiras e compañeiros?”, inquire o comunicado, que tilda ao conselleiro delegado de “machista” e “opresor” de quenes “coas súas mans fixeron o traballo que foi o eido fundacional da empresa“.
DESPEDIMENTOS
Como anunciara tralo fracaso das conversas, a dirección de Sargadelos executou outros dous cesamentos na mañá deste xoves, co que despediu a 23 traballadoras desde o pasado 17 de agosto.