Durante a mañá do xoves 25 de xuño celebráronse as XXVII Xornadas Técnicas de Expomar, as primeiras non presenciais nos seus xa 27 anos de historia e que se emitiron en aberto a través de videoconferencia na plataforma “IESIDE sen muros”
de Afundación Abanca. Máis de 300 persoas seguiron o evento.
SECTOR ESENCIAL
Baixo o título “A Pesca, un sector esencial; e agora, que?”, esta primeira edición non
presencial das Xornadas analizou a situación pesqueira actual desde distintos puntos de vista, tendo en conta o impacto do coronavirus e o Brexit nun sector esencial como a pesca, así como as principais repercusións sociais e económicas esperadas para os próximos meses.
O foro abriuse coa presentación do presidente da Fundación Expomar, Alfredo
Llano, que destacou a importancia do mar para Burela, “exemplo do bo facer na pesca”, e convidou a todos os asistentes á próxima edición da Feira Náutico-Pesqueira, que terá lugar en Burela o próximo mes de maio 2021.
A continuación interveu a Secretaria Xeral de Pesca Marítima do Ministerio de
Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villaoriz, que recoñeceu como durante a
crise do Covid-19 a pesca rebelouse como un dos “sectores esenciais para a economía, imprescindible como garante da seguridade alimentaria” do país; e como tal debera recibir a atención que lle corresponde.
O BREXIT, TEMA CHAVE
Durante a Xornada, a Directora Xeral de Pesca da Consellería do Mar da Xunta
Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda, centrouse nos efectos do virus no sector
pesqueiro, presentando o programa Avantemar, elaborado pola Xunta de
Galicia para a reactivación e dinamización no sector marítimo-pesqueiro.
Pola súa banda, o presidente da European Fisheries Alliance (EUFA), Gerard van
Balsfoort, centrouse nas consecuencias do Brexit no sector da pesca, tanto para o
ámbito comercial como para a frota española e galega que pesca en augas
británicas, con especial fincapé na situación actual e o cambio do calendario das
negociacións entre a Unión Europea e o Reino Unido.
Finalmente o Secretario Xeral de Cepesca e Presidente de Europeche, Javier
Garat, agradeceu o papel dos pescadores durante a crise do Covid-19, que a pesar de todas as dificultades permitiron que os alimentos do mar seguisen chegando ata
os consumidores españois. E destacou o esforzo das organizacións pesqueiras e
sobre todo das empresas do sector, que son as que sufriron directamente o impacto
da situación.
O director de Abanca Mar, Javier Fraga, actuou como moderador das xornadas,
dando paso a cada un dos relatores e tamén ás preguntas que lles facían chegar a
través do chat os asistentes ao acto. Desvelou a relevancia fundamental que tivo A
Mariña Lucense para a creación no seu día da división do Mar dentro de Abanca,
debido á importancia das empresas do sector no movemento económico da zona.
A clausura das Xornadas Técnicas 2020 correu a cargo da Conselleira do Mar da
Xunta de Galicia, Rosa Quintana, quen destacou o papel dos portos e lonxas da
Mariña Lucense, que desde o inicio do estado de alarma chegaron a fornecer o 30%
do volume total de peixe fresco de Galicia.
A titular de Mar salientou o importante rol desenvolvido polos portos da Mariña lucense desde o inicio do estado de alarma, coa descarga de arredor de 12.500 toneladas de peixe e marisco e a facturación duns 27 millóns de euros, o que demostra a súa implicación no obxectivo de subministrar alimentos de calidade á cidadanía.
Tamén se acordou da frota de Gran Sol, á que hai que defender nun momento clave como son as negociacións do Brexit.
ESTE VENRES, ENCONTRO EMPRESARIAL
Na mañá do venres celebrarase, tamén por primeira vez de forma non presencial, o
XXI Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que reúne cada ano ás
entidades máis representativas da frota galega e ás asociacións profesionais do
sector pesqueiro a nivel nacional.
A reunión dos representantes da frota terá lugar entre as 10.00 horas e as 13.30 horas por
videoconferencia. Ao finalizar o evento, como cada ano presentaranse as conclusións aos medios de comunicación en torno ás 14.00 horas, momento no que se farán públicas. As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación Expomar, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.