Os sindicatos convocan folga en Alcoa e auxiliares para o 1 de xullo

O paro comezará o martes 30, ás 22.00 horas, e durará ata o mesmo horario do mércores; tamén se aprobou unha concentración en Santiago, fronte á sé da Xunta de Galicia

Unha obreira de Alcoa, na concentración de Lugo. AXM

Os sindicatos de Alcoa San Cibrao e empresas auxiliares convocaron unha folga para o vindeiro mércores, 1 de xullo, a fin de continuar cos actos de protesta contra o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional na planta de aluminio, un despedimento colectivo que suporía deixar na rúa 534 traballadores da factoría e outros 400 de contratistas.

O paro foi aprobado por unanimidade na asemblea mantida este xoves no comedor do complexo industrial. A folga comezará o día 30, ás 22.00 horas, para aproveitar o cambio de quenda que se efectúa nese momento, e durará ata o mesmo horario do primeiro de xuño. Afectará tanto á planta de aluminio, a ameazada de peche por Alcoa, como á refinería de alúmina e á actividade das empresas auxiliares.

Ese mesmo 1 de xullo, ademais, realizarase un acto reivindicativo en Santiago de Compostela, fronte á sé da Xunta de Galicia ás 12.00 horas.

Un día despois, Alcoa e comité reuniranse de novo nunha xuntanza prevista dentro do período de consultas do ERE. Por agora non trascenderon máis mobilizacións.

UGT e CC OO convocaron unha protesta na Coruña polo futuro da industria electrointensiva para o sábado 27, e o domingo, nun acto reivindicativo do comité de Alcoa San Cibrao, unha caravana de coches partirá desde A Mariña Lucense cara Lugo.

URXEN ÁS ADMINISTRACIÓNS A “DEFENDER” A PLANTA DO “ATAQUE” DE ALCOA

O comité de empresa urxiu onte, trala xuntanza entre sindicatos de Alcoa para iniciar o período de consultas do ERE, ás Administracións para que efectúen unha intervención pública que evite unha posible parada das cubas no que consideran “un ataque” por parte da multinacional “á industria de aluminio de España”. Así, solicitan a Goberno central e Xunta que “defendan” a produción e os postos de traballo do “fraude” que prepara a compañía que, entenden, quere “deslocalizar a produción” e “meter o metal en España procedente do estranxeiro“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here