Na mañá do pasado venres 26 de xuño celebrouse o XXI Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que reúne cada ano ás entidades máis representativas da frota galega e ás asociacións profesionais do sector pesqueiro a nivel nacional, e que por vez primeira tivo lugar de forma non presencial.
24 ORGANIZACIÓNS PARTICIPANTES
O encontro, no que participaron representantes de 24 organizacións pesqueiras de ámbito autonómico, nacional e europeo, celebrouse en horario matinal por videoconferencia. Ademais de poñer en valor a importancia da pesca como sector estratéxico e esencial na economía, que mantivo a súa actividade sen descanso durante o período de alarma sanitaria “sen especular nas súas expectativas económicas e garantindo o subministro malia o mal comportamento do mercado”, o resultado desta edición resúmese en 19 puntos concretos, que se agrupan en cinco bloques de demandas principais.
19 PUNTOS E CINCO BLOQUES DE PROPOSTAS
Son as axudas para a recuperación económica, a posta en valor do ámbito socio-laboral da pesca, a xestión de políticas pesqueiras, as campañas de promoción do consumo de peixe e as estratexias europeas para o futuro do sector pesqueiro.
No tocante ás axudas, piden “medidas urxentes de recuperación”, a baixada dos impostos e a simplificación das normativas. “Temos case 1.000 normas diferentes que cumprir”, o que converte, aseguran as entidades pesqueiras, “aos pescadores nunha especie en extinción”.
A posta en valor ante as novas xeracións dos oficios da pesca é outro dos puntos que aspira a mellorar o sector, así como políticas pesqueiras que conciban a pesca como un sector estratéxico polo “seu efecto multiplicador”; así como a solicitude dun IVE hiperreducido, tal e como acontece noutros países europeos, ao 4% considerando o peixe produto de primeira necesidade. Podes ler todas as demandas neste documento. EXPOMAR_ENCONTRO2020_PRENSA200626_CONCLUSIONES2
CONTA ATRÁS PARA A FEIRA NÁUTICO-PESQUEIRA
A próxima edición do Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras celebrarase en Burela en maio de 2021, coincidindo coa celebración da XIX Feira Monográfica Náutico Pesqueira Expomar.
As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación Expomar, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal. A organización amósase moi satisfeita “por un nivel de participación moi alto nos encontros, que unha vez máis serviron como foro de debate dos principais problemas do sector”.