InicioEconomíaO comité pide a Transición Ecolóxica "un compromiso" para un prezo competitivo...

O comité pide a Transición Ecolóxica “un compromiso” para un prezo competitivo da luz durante dous anos

É o tempo que tardaría en poder implantarse un acordo bilateral de subministro de enerxía cunha renovable, compromiso da Xunta; o martes, Industria recibirá aos sindicatos

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao insta ao Ministerio de Transición Ecolóxica a adoptar “un compromiso” para que a planta de aluminio “poida ter un prezo competitivo e estable” da electricidade “durante un prazo de dous anos”, a fin de evitar “a deslocalización” da produción que pretende a multinacional, que presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía 534 despedimentos na factoría e outros alomenos 400 en empresas auxiliares.

Os sindicatos, que se reuniron este sábado co presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, expuxeron que o Goberno autonómico comprometeuse a “licitar toda a parte administrativa dunha futura PPA (contrato bilateral con empresas de produción enerxética renovable)” e a solicitar a declaración de “estratéxica” para a única planta de aluminio primario que queda no Estado.

Outra das propostas da Xunta é “utilizar fondos europeos de recuperación da crise económica derivada do coronavirus e, en concreto, parte dos 10.000 millóns que foron aprobados este venres no Consello de Ministros para a intervención de empresas que sofren pola caída dos mercados e a falta de demanda a nivel global”. Ademais, reitera que “concederá préstamos participativos para facilitar a modernización da factoría”, con obras como “a instalación de gas ou mellora da eficiencia enerxética”.

“Todo iso queda suscrito á necesidade de chegar a un horizonte de dous anos que tardaría en implantarse unha PPA -o tempo necesario para a instalación de parques eólicos e fotovoltacios”, conclúen os obreiros, que esperan que o vindeiro martes, na reunión que manterán co secretario xeral de Industria, Raül Blanco, poidan obter por escrito algún compromiso do Executivo. Na súa nota apelan, con todo, ao Ministerio de Transición Ecolóxica, dado que entenden que a súa postura é fundamental neste proceso.

O 10, MANIFESTACIÓN NA CORUÑA

O comité agradece o “apoio demostrado” ao persoal nas mobilizacións convocadas até o de agora. A vindeira, cita dos tres grandes sindicatos a nivel global (CIG, CC OO e UGT), será o día 10 na Coruña.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...