InicioEconomíaUn informe da CIG conclúe que Xunta e Estado poden nacionalizar Alcoa...

Un informe da CIG conclúe que Xunta e Estado poden nacionalizar Alcoa con axudas europeas

O dossier, elaborado polo profesor de Dereito da UdC Carlos Aymerich, establece a posibilidade de intervir a planta por dúas vías diferentes

Publicada o

- Advertisement -

EFE. Un estudo elaborado polo profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña (UdCCarlos Aymerich avala que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno central poden nacionalizar as plantas de Alcoa e Alu Ibérica usando as axudas de recapitalización que aprobou a Comisión Europea.

Aymerich presentou este luns na Coruña o informe ‘Alternativas para o mantemento do emprego e da actividade nas plantas de aluminio primario de San Cibrao, A Coruña e Avilés‘, elaborado a petición da CIG, que establece a posibilidade de intervir as plantas por dúas vías diferentes.

Segundo explicou en rolda de prensa, a Comisión Europea, a través do Marco Temporal de Medidas de Axudas Estatais para apoiar a economía trala crise provocada pola pandemia do coronavirus, publicou o pasado día 8 de maio o seu criterio sobre axudas de recapitalización, destinadas a que os poderes públicos poidan entrar no capital de empresas privadas.

“Temos aí unha posibilidade aceptada por Europa”, asegurou Aymerich, que detallou que, con estas axudas, tanto o Goberno galego como o español poderían intervir a planta de aluminio de San Cibrao, en Cervo, onde a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía máis de 900 despedimentos entre traballadores da fábrica e auxiliares, ou as da Coruña e Avilés, que agora son propiedade do Grupo Riesgo.

O CONSENTIMENTO DA EMPRESA, PRIMEIRA OPCIÓN

Con todo, estas axudas parten do requisito de contar co consentimento da empresa, algo que, segundo este investigador, as administracións poderían conseguir porque teñen “poderosos argumentos” para negociar con Alcoa expoñéndolle os custos e consecuencias que pode supoñer o peche.

UNHA EXPROPIACIÓN FORZOSA, A OUTRA ALTERNATIVA

No caso de que a multinacional se negase, sinalou, hai outra vía para a intervención pública aplicando as disposicións vixentes en materia de expropiación forzosa ou por medio dun decreto-lei expropiatorio específico, xa que “o interese social é evidente” para manter os postos de traballo e a produción de aluminio.

O “EXEMPLO” DE CERDEÑA

“Por moito menos diñeiro do que lle custou ao Goberno rescatar as autovías radiais de Madrid poderiamos rescatar un sector estratéxico como a produción de aluminio”, asegurou Aymerich.

O informe presenta a posibilidade de seguir os pasos de Italia na fábrica de Alcoa en Cerdeña, que “está reactivando a súa actividade”. Isto implicaría buscar un “socio industrial solvente” logo da nacionalización.

CUESTIÓN DE “VONTADE POLÍTICA”, AFIRMA O SINDICATO

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cargou contra o Goberno e a Xunta pola “nula vontade política” demostrada ante a “dramática situación” destas plantas.

De ambas Administracións demandou “actuacións rápidas e decididas” para “a intervención pública”, pois considerou que é “a única vía para garantir o emprego e a produción de aluminio”.

Mentres, a integrante do comité de Alcoa San Cibrao Águeda Fontela lamentou que están “moi limitados de tempo” polo proceso de ERE e criticou que a Xunta e o Goberno fixeron moitas promesas pero “non hai nada“.

O delegado da CIG en Alu Ibérica A Coruña Xulio Moskowich pediu que “máis aló das disputas electorais” se poñan “de acordo” ambas Administracións para realizar “unha adquisición pública das plantas de Alcoa e Alu Ibérica”.

O documento presentado completa e actualiza o informe xurídico previo que o profesor Aymerich realizou o ano pasado sobre a viabilidade da adquisición pública das plantas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...