Obreiros de Alcoa simbolizaron este martes a súa crucifixión para visibilizar, unha vez máis, a súa situación agónica. Á fronte da comitiva, un sindicalista de pelo longo, Jorge Fernández “Castañón“, cargaba cunha cruz de madeira, nunha imaxe que remitía ao calvario de Xesús de Nazaret. Por detrás, o presidente do comité, José Antonio Zan, de rigoroso traxe negro, no papel do presidente de Alcoa, Roy Harvey. E finalmente un boneco que representaba a un reo, coa faciana do director da multinacional en España, Álvaro Dorado, cargado entre dous traballadores. Así desfilou o persoal do complexo industrial de San Cibrao e das empresas auxiliares para simbolizar o via crucis que soporta desde hai máis dun ano, e que se fixo máis duro cando a compañía presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectaría a 534 empregados da planta de aluminio e a outros 400 operarios de contratistas.
A procesión fúnebre saíu da nave de Reymogasa, unha das dez empresas auxiliares que teñen o 100% dos seus contratos nunha planta de aluminio que é o corazón industrial da Mariña. Ao chegar ao complexo industrial, un por un, os obreiros pasaron pola cruz ante a fábrica da que viven e que está ameazada de peche.
“O que queremos simbolizar é que nos están crucificando entre Alcoa e o Goberno central, que non dá posto unha solución sobre a mesa”, sinala Xosé Paleo, representante da CIG no comité de empresa. A decepción aumenta tras aprazar o Executivo estatal unha semana unha reunión prevista para a tarde deste martes. “Estannos deixando abandonados, temos un prazo marcado por lei e non vemos saída”, afirma o sindicalista en relación co período de consultas do despedimento colectivo, que aínda que a multinacional se mostrou aberta a ampliar, remataría o 24 de xullo.
“SE ALCOA QUERE QUITAR DO MERCADO O ALUMINIO QUE FABRICAMOS, NON O VAI CONSEGUIR”
“Temos dúas mensaxes”, prosegue Paleo, “unha delas para Alcoa. Queremos dicirlle que se non quere seguir producindo aquí, se quere quitar do mercado as toneladas de aluminio que fabricamos, non o vai conseguir. Que se aparte, porque isto é do que vive esta comarca e quere seguir vivindo”, indicou o sindicalista, en referencia á negativa da empresa a aceptar unha venda da planta, pero tamén a negociar a partir dunha proposta de plan industrial realizada polo Goberno central.
Os obreiros decidiron non acudir á reunión prevista para este martes en Lugo dentro do período de consultas do ERE, unha xuntanza que se aprazará ao martes da semana que vén, e reclaman a Alcoa que amplíe o prazo das negociacións “un mínimo dun mes“.
QUE NON PAREN AS CUBAS, O PRIMEIRO OBXECTIVO
Respecto do Goberno central, a coñecida reclamación de que se decida por unha intervención da planta, a fin de asegurar que non paren as cubas e de tutelar unha venda que sexa a un proxecto produtivo e non especulativo, como ocorreu coas antigas plantas de Alcoa na Coruña e Avilés. “Ten que deixarse de botar balóns fóra e intervir dunha vez, porque é a única saída para salvar este tipo de industria, que é a que vai salvar a este país e a esta comarca da crise”, sinala Paleo, que lembra as dificultades que está a supoñer para o sector turístico o brote de coronavirus da Mariña.
Que o Goberno central pospuxese a industria fai pensar aos traballadores que o Goberno central “ten as mans baleiras” e “non ten os arrestos para intervir a planta”.
Que non cese a maquinaria de electrólise, que require dun proceso custoso e longo de rearrincado, é o obxectivo prioritario que se marca o comité. “Este acto non ía ter tanta xente, pero o persoal está enfadado e quente, vemos como pasa o tempo e se achega o prazo límite de consultas do ERE, o día 24, e non temos solución. Sería unha irresponsabilidade que as Administracións, a Xunta de Galicia e o Goberno central, deixen caer esta fábrica”.
DEBATE NO CONGRESO
Ante unha semana na que non se prevén encontros nin coa multinacional nin co Executivo, os ollos do persoal céntranse no Congreso dos Deputados, onde se debaterá unha proposta do BNG para a nacionalización ou a intervención pública de Alcoa.