Comisiones Obreras (CC OO) e a UGT esíxenlle “a Alcoa e ás distintas Administracións” a “paralización do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que nestes momentos está a negociarse”, ante o “interese dun investidor de coñecida solvencia” por comprar a fábrica de aluminio primario de San Cibrao, onde a multinacional presentou un despedimento colectivo que afectaría a máis de 900 obreiros entre a factoría e auxiliares.
Mediante un comunicado, ambos os sindicatos informan de que tiveron “coñecemento por fontes da Administración e do sector” do metal do “interese dun investidor de coñecida solvencia e capacidade industrial na industria do aluminio polo centro que Alcoa ten en San Cibrao”.
“Ante esta posibilidade de compra por parte do potencial comprador, ambas as federacións esiximos a Alcoa e ás distintas Administracións, tanto autonómica como estatal, a paralización do ERE que nestes momentos está a negociarse e que finaliza o vindeiro xoves día 23 de xullo”, subliñan ambos os sindicatos nun comunicado.
Nese sentido, tamén instan “á dirección de Alcoa a abrir o proceso de análise da posible venda e a continuar mentres tanto a actividade produtiva, ata que se concrete ou non dita posibilidade”.