InicioEconomíaO comité urxe ao Goberno a citar ao investidor ante a negativa...

O comité urxe ao Goberno a citar ao investidor ante a negativa de Alcoa a unha venda coas cubas operativas

A unha semana para que rematen as conversas do ERE, os sindicatos esixen ao Executivo que "cumpra coa súa palabra" e reuna á multinacional e ao posible comprador de aluminio

Publicada o

- Advertisement -

A reunión celebrada este martes en Lugo dentro do período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado por Alcoa na planta de aluminio de San Cibrao, concluíu sen avances, segundo o comité de empresa do complexo industrial, dado que a multinacional “non dá ningunha credibilidade” á opción dun investidor interesado en comprar a fábrica, e teima en condicionar calquera venda a unha parada de cubas que suporía 534 despedimentos na factoría e outros 400 en empresas auxiliares. Unha folla de ruta que os sindicatos ven “inviable”.

Alcoa “di que non ven viable (a venda) e que calquera proceso pasaría primeiro pola parada das cubas”, expuxo á saída da xuntanza o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, que explicou que os sindicatos se opoñen frontalmente a esta pretensión da multinacional. O apagado da maquinaria de electrólise “é a morte da fábrica e non é unha alternativa para manter a produción e o emprego”, argumentou.

“A EMPRESA QUERE IMPOÑER UNHA DECISIÓN UNILATERAL”

Zan criticou a postura da compañía. “Se Alcoa quere primeiro executar o ERE e despois vender, non está sentándose a negociar. O que está a facer é impoñer unha decisión unilateral que o resto das partes teñen que asumir sin querer facelo, tendo solucións para evitalo”, expuxo.

“O máis importante nun ERE e o primeiro que tería que estar buscando a empresa son solucións para que non haxa repercusións na planta nin no emprego”, remarcou o sindicalista.

Preguntado sobre a posibilidade de que hoxe mesmo o Goberno central, tal e como comprometeu segundo os obreiros, citase para acordar a data dunha reunión ao posible comprador e á dirección de Alcoa, afirmou que “non temos constancia de que se producisen” contactos, explicou Zan, que agardou “que o Executivo estatal cumpra coa súa palabra e as xuntanzas se dean canto antes. Só faltaría que nos mentise”, espetou.

OS SINDICATOS RECLAMAN QUE SE INFORME Á XUNTA SOBRE O INVESTIDOR E O PLAN INDUSTRIAL

“Descoñecemos quen é o investidor e tamén o plan industrial” proposto polo Executivo a dez anos, e que por agora os sindicatos non recibiron malia comprometerse a envialo o secretario xeral de Industria. “Hai que ensinalo á autoridade laboral, neste caso a Xunta de Galicia, para que se poida paralizar o ERE, pero tamén queremos que se nos amose a nós. Queremos saber quen é, non vernos na situación dos compañeiros da Coruña e Avilés”, indicou, en alusión ás antigas plantas de Alcoa ubicadas nestas cidades e vendidas a proxectos especulativos.

Sobre a posibilidade dun freo institucional ao despedimento colectivo, Zan concretou que “a Xunta podería denunciar o ERE e solicitar que se paralice de haber un comprador, pois non sería necesario despedir a ninguén nin parar as instalacións. Pero ningunha institución pode aprazalo, pódese pedir o seu aprazamento”, precisou.

“NON PODEMOS SER MÁIS OPTIMISTAS QUE A SEMANA PASADA”

“A solucións” ao ERE son, manifestou, ou ben a entrada dun novo investidor ou un ben “un novo marco enerxético que poida dar certeza e servir a Alcoa para seguir; o despedimento colectivo está fundamentado nun 90% no tema da enerxía, de xeito que ter iso suporía tirar abaixo a argumentación da empresa”. Para os traballadores, ante a ausencia dalgo “concreto” e “por escrito” queda, xulgou, “a loita. Non podemos ser máis optimistas que hai tres días porque temos palabras pero non temos datos. O feito de darlle ao balón cara diante non vale, porque falta unha semana (para concluír o período de consultas do ERE, prorrogado ata o 4 de agosto) e quedamos sen campo”, zanxou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...