EFE. A Fiscalía de Madrid pide doce meses de prisión para o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica A Coruña -a antiga planta de Alcoa-, Juan Carlos López Corbacho, e quince para outro empregado da factoría polos altercados ocorridos nunha mobilización o 28 de marzo de 2019 ante o Congreso dos Deputados, unha protesta á que se desprazaran obreiros de San Cibrao.
Segundo o auto, ao que tivo acceso Efe, a Fiscalía interesa a apertura do xuízo oral ante o Xulgado do Penal do procedemento aberto polo Xulgado de Instrución número 25 de Madrid.
Así, o Ministerio Público solicita doce meses de prisión para o presidente do comité por un presunto delito de desobediencia grave e resistencia á autoridade, e quince meses para o outro traballador por un suposto delito de atentado á autoridade.
Por estes feitos tamén foran investigados xudicialmente nun primeiro momento a agora ministra de Traballo, Yolanda Díaz; os deputados de Unidas Podemos, Antón Gómez-Reino e Rafa Mayoral; e a entón deputada Ángela Rodríguez.