InicioEconomíaAlcoa insiste en parar as cubas e propón un Erte en aluminio...

Alcoa insiste en parar as cubas e propón un Erte en aluminio por dous anos

A multinacional rexeita o requerimento da Xunta para paralizar o despedimento colectivo e suxire a suspensión da actividade e dos contratos en aluminio ata o 31 de xullo de 2022

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa enviou unha carta aos seus traballadores este luns na que asegura que na reunión do período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado na planta de aluminio propuxo aos sindicatos unha opción alternativa para evitar o proceso do despedimento colectivo, cuxo prazo de consultas finaliza mañá. Trátase dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) que suporía a parada de cubas, a suspensión dos contratos en aluminio ata o 31 de xullo de 2022.

O PROCESO DE VENDA DURARÍA NOVE MESES

De aceptar os sindicatos esta proposta, que suporía a parada das cubas nun prazo de 120 días, habería unha dobre alternativa, segundo Alcoa. Por un lado, “un proceso de venda con duración de “ata nove meses” de xeito que, “se se produce a venda e o comprador procede ao rearranque, que asumiría” a propietaria “ata en 35 millóns de dólares“.

De non producirse a venda, Alcoa mantería o Erte e “analizaríase a evolución dos indicadores que afectan á planta –London Metal Exchange, que estipula o prezo do aluminio, materias primas, mercado, enerxía- para rearrancar as cubas de haber un cambio nas circunstancias que permitise a viabilidade da planta”.

De non ser así, retomaríase o despedimento colectivo presentado pola multinacional, que é o outro escenario proposto por Alcoa: executar o ERE que suporía 534 despedimentos en aluminio e outros 400 na industria auxiliar, parando as cubas e iniciando un proceso de venda no que se esixiría ao comprador unha bolsa de emprego para dar prioridade aos obreiros da fábrica de retomarse a produción.

OS SINDICATOS NON VALORAN O APAGADO DA MAQUINARIA

Os sindicatos non quixeron entrar a valorar “a nova proposta”, á espera de reunirse esta tarde (16.30) co posible comprador da planta, o grupo Alvance de Liberty House/GFG Alliance.

“Eles seguen erre que erre coa parada de cubas, pero para nós é fundamental manter a produción e o 100% dos postos de traballo, iso é necesario para a viabilidade da planta. Esa é a nosa liña vermella”, expuxo o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, que insistiu en que “o único que se busca é atacar á fábrica”, porque “temos un informe que di que se hai venda en 40 semanas resulta máis barato para a empresa que a parada de cubas”.

Sobre a reunión con Liberty House, “queremos saber que impacto e alcance ten o plan de viabilidade a dez anos e a solución enerxética no que se basa, posto que a nosa problemática podería verse moi sustentada”, advertiu.

ALCOA NEGA INCORRER NUN “FRAUDE DE LEI”, COMO ADVERTÍA O GOBERNO AUTONÓMICO

Por outra banda, Alcoa négase a retirar polo de agora o ERE presentado na planta de aluminio, segundo anunciou nunha carta remitida o pasado domingo á Xunta de Galicia, que como autoridade laboral requeríralle a suspensión do despedimento colectivo.

Na misiva, a multinacional asegura que ten “total predisposición” a dialogar coa representación legal dos traballadores “nas dúas reunións que restan ata a finalización do período de consultas” -fixadas para os días 3 e 4 de agosto-, e que durante as xuntanzas “fará todos os esforzos que estean na súa man para alcanzar un acordo cos sindicatos”, abríndose a “ter en conta as recomendacións da autoridade laboral en canto ás posibilidades de evitar ou reducir os despedimentos colectivos e atenuar as súas consecuencias e a evitar igualmente malograr unha potencial venda”.

Alcoa nega na carta que mantendo a súa folla de ruta estea incorrendo nun posible “fraude de lei“, como advertiu a Xunta.

ACUSA AOS SINDICATOS DE “IMPEDIR AVANZAR” AS CONVERSAS

Así, ante o “cuarto” requerimento enviado polo Goberno autonómico, Alcoa defende a posición acusando, primeiro, aos obreiros de “dificultar” o desenvolvemento das reunións do período de consultas do despedimento colectivo e “impedir o avance das conversas”, dado que “limitaron o número de encontros”, “non asistiron a algunha das convocatorias”, “non permitindo que Duff & Phelps expuxera o seu informe técnico“, “rexeitando a posibilidade de manter novas xuntanzas durante a cuarta semana” e “negándose a que se suscribiran actas de novos encontros, todo iso co obxectivo de que se desistira da medida proposta e alegando que a chamada mesa multilateral era a única válida”.

NOVA COMUNICACIÓN DE LIBERTY HOUSE Á PROPIETARIA

Respecto da existencia dun posible comprador como Liberty House/GFG Alliance, Alcoa asegura que recibiu “o 29 de xullo” un comunicado no que o grupo empresarial realizou “unha expresión de interese” polo complexo industrial que non incluía “unha oferta de compra”. A propietaria afirma que respondeu ao potencial investidor que “está disposta a considerar unha venda sempre e cando se paren previamente as cubas de electrólise”, para frear “as inxentes perdas”.

Alcoa asegura que a consultora dos sindicatos a nivel europeo, Syrex, “advertiu que a práctica habitual de Liberty House/GFG Alliance é adquirir activos con dificultades e na maior parte dos mesmos recibir un importe, é dicir, cobrando do vendedor”.

A multinacional radicada en Pittsburgh, con todo, asegurou ter recibido unha nova carta do posible comprador. Segundo El Confidencial, Liberty House enviou unha misiva a Alcoa na que a instou a chegar a un acordo de venda nun prazo de entre catro e seis semanas.

Unha proposta que Alcoa asegura estar “analizando” de cara ás reunións do período de consultas.

INSISTE EN PLANTEXAR A INTERROMPIBILIDADE COMO SOLUCIÓN AO PREZO DA ENERXÍA

Alcoa carga tamén contra o Goberno central na misiva, dado que comprometeu no 2018 a aprobación dun estatuto das electrointensivas nun prazo de seis meses e “estamos en agosto de 2020 e nin sequera se aprobou”, mentres que o “borrador” do documento “que circulou en trámite de consulta pública é insuficiente e non xera certeza”.

Diante desta situación, argumenta Alcoa, a planta aluminio vai deixar perdas de “máis de 100 millóns de euros entre 2018 e 2019“. A multinacional sostén en que “para a industria deste metal “necesítase non só un prezo competitivo senón tamén garantido e estable”, e insiste en que a subasta de interrompibilidade, a poxa que permitía aos participantes recibir beneficios a cambio do seu compromiso a paralizar a demanda nun caso de colapso do sistema e que moitos interpretan como unha axuda encuberta, era o mecanismo que se adaptaba aos seus intereses.

“As poxas anuais proporcionaban unha retribución de 90 millóns” anuais a San Cibrao, admite Alcoa, que sinala que “desde 2016 comezouse a xerar dúbidas sobre estas subastas e no 2018 cambiouse o período anual por dúas subastas por ano, reducíndose moi significativamente a súa retribución”. Ante esta situación, o prezo da enerxía “deixou de ser competitivo”, alega a multinacional.

No tocante ás compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2), Alcoa sinala que para a convocatoria de 2020 hai un límite orzamentario de “seis millóns de euros“. A produción de aluminio en San Cibrao “non é viable sen un prezo de 35 euros/MW/h”, afirma a compañía, que estima o prezo para 2021 de “58 euros/MW/h”.

TEIMA EN QUE PARAR AS CUBAS NON IMPLICA SABOTEAR UNHA VENDA

Alcoa insiste tamén na idea de que unha parada de cubas “non implica en absoluto malograr o proceso de venda”, senón que “minimiza as perdas de forma certa e ofrece unha posibilidade de rearranque se as condicións o permiten”, unha operación que Alcoa cuantifica entre “30 e 40 millóns de dólares”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...