EFE. A Xunta de Galicia advertiu este martes á dirección da multinacional Alcoa en España sobre posibles irregularidades no seu plan para despedir aos seus traballadores da planta lucense de San Cibrao, que está interesada en adquirir o grupo GFG Alliance/Liberty House Group.
Nunha carta remitida este luns a Alcoa, cuxo contido foi facilitado a Efe, a Xunta advirte de que “unha eventual renuncia, expresa ou tácita, a estudar de forma efectiva a proposta de compra de GFG Alliance” da planta alumineira de San Cibrao antes de concluír o proceso de negociación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE), “pode constituír unha actitude dolosa e quebrantadora da boa fe contractual”.
A firma Liberty House Group, un conglomerado metalúrxico británico filial do grupo GFG Alliance, mostrouse interesado en adquirir a planta de produción de aluminio primario do municipio lucense de Cervo. Na carta, a Xunta indica que o plan de despedimento colectivo exposto pola multinacional estadounidense Alcoa, propietaria da planta de San Cibrao, debe axustarse aos requisitos legais e “un fin distinto á superación das causas económicas e produtivas alegadas como podería ser evitar a presenza dun posible competidor industrial”, suporía unha “fraude de lei”.
O Goberno galego subliña a intención de estudar ese proceso e “ante a máis mínima sombra de mala fe, dolo ou abuso de dereito” subliña que “non dubidará en emprender todas as accións legais que estime oportunas”. Por iso, a Xunta recomenda a Alcoa “desistir de procedemento de despedimento colectivo” e “explorar” alternativas que “permitan manter sen interrupción a actividade industrial, a fin de non malograr a venda e evitar unha masiva destrución de emprego na comarca da Mariña”.
RECLAMA AO GOBERNO QUE CONCRETE O MARCO ELÉCTRICO
A Xunta reclamou ao Goberno central que concrete o marco enerxético comprometido a través do estatuto do consumidor electrointensivo, dado que Liberty House, “nos trasladou que no curto prazo non é viable o seu proxecto se non hai un prezo competitivo, coas subastas de interrompibilidade e coas compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2)”.