InicioEconomíaO comité empraza a Alcoa a unha nova reunión presencial tras dar...

O comité empraza a Alcoa a unha nova reunión presencial tras dar a empresa por zanxadas as consultas

Os sindicatos cren que a multinacional "sobreactúa" cando cualifica de "violentos" os incidentes deste xoves para negarse a acabar as negociacións; instan a "chegar a un acordo"

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao emprazou á multinacional a fixar “data, lugar e hora” para unha nova reunión presencial na que pechar o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado na planta de aluminio e “tentar acadar un acordo para rematar o mesmo nun sentido oposto ao que finalmente parece que prevaleceu”.

Os sindicatos fan esta chamada despois de que Alcoa dera por zanxadas as negociacións, asegurando a través dun comunicado que “non se poden realizar reunións presenciais”, alegando “temer” pola “integridade física” dos seus representantes nas conversas, despois de que este xoves varios obreiros saísen ao encontro das furgonetas nas que se desprazaban e tirasen ovos aos vehículos, un incidente que a multinacional cualificou de “grave“. Afirma a compañía que os traballadores “impediron” aos seus delegados o acceso á sé dos encontros, con “intimidación e violencia“.

ALCOA COMUNICOU A NEGATIVA A REUNIRSE “POR MAIL”

Segundo explicou nunha carta o presidente do comité, José Antonio Zan, “pasadas as 14.00 horas”, o comité púxose en contacto telefónico cos directivos de Alcoa, quen confirmaron “que non acudirían á reunión e que tal intención púxose en coñecemento da secretaría do comité de empresa a través do sistema Logalty“.

O presidente do comité reprochoulles o uso deste sistema debido a que a conexión á rede do local previsto para a reunión “fallaba” e non puideron ver a notificación da empresa “ata logo da conversación telefónica”.

En consecuencia, os membros do comité e unha ampla representación de traballadores da fábrica de San Cibrao permaneceron nas instalacións do recinto desde as 9.00 horas da mañá ata mediodía, sen recibir aviso por outros medios de que definitivamente a dirección de Alcoa non acudiría.

AXENTES CONFIRMARON “QUE NON SE PRODUCIU NINGÚN FEITO DE GRAVIDADE”, DI O COMITÉ

As centrais sindicais entenden que se trata dunha “evidente sobreactuación
e esaxeración” por parte da multinacional, que expón un relato “incerto. A integridade física dos representantes de Alcoa estaba máis que garantida polos máis de 15 traballadores dunha empresa de seguridade privada que estiveron nas instalacións desde o inicio do período informal de conversas, así como polos membros da Policía Nacional“. Deste xeito, “no tocante á ameaza” de Alcoa de comunicar os feitos á autoridade competente, “informámoslles que non vai ser necesario posto que xa estaban presentes os axentes necesarios para tomar nota dos feitos, efectivos que nos confirmaron que non se produciu ningún feito de gravidade“, resaltou o comité.

OS TRABALLADORES NON PORÁN “DIFICULTADE ALGUNHA” PARA VOLVER SENTAR

No comunicado, o comité asegura que non pon “dificultade algunha” para sentar a negociar e amosa a súa “total dispoñibilidade” para celebrar a reunión e “pechar a última acta do período de consultas”. Os sindicatos expuxeron publicamente a súa intención de formular de novo unha oferta a Alcoa para unha suspensión durante seis semanas do proceso do ERE a fin de buscar unha venda sen parar as cubas, retomando o procedemento o 21 de setembro de non haber comprador.

O encontro non celebrado esta mañá en Lugo estaba convocado en principio para proceder á firma da acta de desacordo do ERE, pero desde o comité aseguraron que volverían poñer encima da mesa a proposta dunha prórroga de seis meses para facilitar a venda da factoría á empresa británica Liberty House Group, pertencente ao conglomerado internacional Alliance GFG.

AFÉANLLE A ALCOA NON REUNIRSE COAS AMDMINISTRACIÓNS: “QUERÍAN O DESPEDIMENTO COLECTIVO DESDE O PRINCIPIO”

Así mesmo, os traballadores critican que Alcoa non acudise á reunión prevista este xoves en Lugo nin que tampouco participase na xuntanza de urxencia convocada polo Goberno central na tarde do mércores, “o que desgraciadamente, vai ter a consecuencia de que, como vostedes querían desde o principio, vaise executar o despedimento colectivo, que suporá o peche da fábrica e a perda do emprego de mil persoas” entre traballadores da factoría de aluminio e as contratistas.

CRITICAN O “COMPORTAMENTO” DA MULTINACIONAL DURANTE AS CONVERSAS

O comité aféalle a Alcoa a súa actitude, asegurando que tanto a ausencia deste xoves como a do mércores son mostra dun comportamento “que vostedes mantiveron durante todo o período previo de conversas e durante as consultas, alcanzando o seu cumio o pasado 4 de agosto, cando deron por rematada a reunión en varias ocasións, dicindo que daban por rematado o proceso sen acordo”.

“Cando eran as tres da madrugada do día 5 de agosto”, prosegue o comité, “propuxeron redactar o que chamaron un acta sucinta na que se recollese o resultado do período de consultas, cuxa elaboración non está prevista na normativa reguladora deste procedemento, desprazando a revisión do contido e a sinatura da última acta do período de consultas a unha reunión ao día seguinte, plantexamento inasumible por esta parte, posto que os membros da comisión representativa da parte teñen todos eles os seus domicilios a máis de cen quilómetros, e algúns a máis de 200, do lugar onde vostedes quixeron desenvolver as reunións, a pesar da nosa petición reiterada de que se celebrasen na Mariña”.

Dese xeito, os sindicatos propuxeron que a acta se asinase ese mesmo día, pero a parte social “estivo toda a madrugada do 4 ao 5 de agosto esperando polo seu borrador de acta, facéndonos chegar o mesmo pasadas as 8.00 horas, momento no cal se nos manifestou que abandoaban as instalacións con motivo dunha ‘reunión’ sen permitirnos facer as debidas correccións e proceder á sinatura“. Unha xuntanza que, remarca o comité, “non houbo, pois a súa única finalidade era desgastar máis a esta parte”.

A ACTA DE DESACORDO, POR ASINAR

Dada a “incoherencia” entre o contido da acta e “o realmente sucedido”, o comité pediu aprazar a sinatura ao día seguinte, ao que Alcoa accedeu. Con todo, o devandito documento continúa sen asinar. A multinacional manifestou a súa intención de pechar o proceso por vía telemática.

OS OBREIROS ESTARÁN PRESENTES NA SESIÓN CONSTITUTIVA DO PARLAMENTO

O comité avisou de que este venres ás 11.00 horas os obreiros estarán presentes na sesión constitutiva do Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela, para buscar “alguén que medie” no conflito laboral “e estea á altura”. Acudirán ao Hórreo ás 10.00, buscando os apoios dos parlamentarios.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...