A multinacional Alcoa non se pronuncia polo de agora ante a proposta realizada por Goberno do Estado e Xunta de Galicia para que a compañía acceda á petición formulada polos sindicatos e prorrogue o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) ata o vindeiro 28 de setembro, abordando ata o día 27 unha venda “en exclusiva” ao investidor interesado en comprar a planta de aluminio, Liberty House/GFG Alliance.
Nun breve comunicado, fontes da multinacional aseguran “agradecer” a proposta das Administracións, pero cínguense a “debatila no seu momento cos representantes dos traballadores”, é dicir, dentro do período de consultas do despedimento colectivo. Un procedemento que dera por finalizado sen acordo tras non acudir á última das reunións previstas, alegando “temer” pola “integridade física” dos seus delegados, ao ser recibidas as furgonetas nas que viaxaban co lanzamento de ovos por parte de varios obreiros.
Por agora non trascendeu unha data para un encontro entre sindicatos e empresa, aínda que no comunicado conxunto de Xunta e Goberno ínstase ás dúas partes a chegar a un acordo antes do vindeiro xoves.
A XUNTA PIDE A ALCOA E SINDICATOS QUE “RATIFIQUEN” A “PREDISPOSICIÓN” A PRORROGAR O ERE
Pola súa banda, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, pediu a Alcoa e ao comité de empresa da factoría de San Cibrao que “ratifiquen a súa predisposición” para prorrogar o ERE ata o 28 de setembro, tal e como acordaron os Gobernos autonómico e central. Así, Conde agradeceu ao Ministerio de Industria, aos sindicatos e á empresa, a súa “capacidade” para facilitar “a vía do diálogo e o consenso”.
“Entendemos que é a única maneira de poder lograr o obxectivo que temos todos, que non é outro que manter a actividade industrial e, sobre todo, manter os postos de traballo”, engadiu. Sobre esta proposta de ampliación das consultas para o ERE, que afecta a 534 traballadores da planta de aluminio e a outros 400 de empresas auxiliares, Conde apuntou aos medios de comunicación que “hoxe se abriu unha oportunidade na que é posible seguir traballando nas próximas semanas”. Para iso, agregou, é necesario que tanto “Alcoa como o comité de empresa ratifiquen a súa predisposición para prorrogar o período de consultas e abrirase un novo período. Cremos que Galicia e a comarca da Mariña merécense esta oportunidade e niso seguiremos traballando”, resolveu o titular de Industria da Xunta.