InicioEconomíaO comité prevé desconvocar a folga se hai un "bo acordo" con...

O comité prevé desconvocar a folga se hai un “bo acordo” con Alcoa

Sindicatos e multinacional reúnense este xoves en Santiago para abordar a proposta das Administracións de suspender o ERE en aluminio ata o 28 de setembro e negociar a venda

Publicada o

- Advertisement -

EFE. A folga indefinida dos traballadores da fábrica de aluminio de San Cibrao, da multinacional Alcoa, podería ser desconvocada este xoves se hai un “bo acordo” entre os traballadores e a dirección, anunciou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan. Representantes da dirección e dos traballadores reúnense durante a xornada en Santiago de Compostela para estudar unha prórroga de seis semanas do período de consulta do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que presentou a multinacional e que prevé o despedimento de 534 traballadores da fábrica do municipio lucense de Cervo, ademais doutros 400 en auxiliares.

A EMPRESA NON SE PRONUNCIOU SOBRE A PROPOSICIÓN DE XUNTA E GOBERNO

Zan advertiu de que “hai que ratificalo todo nun papel e asinalo, antes de falar do que se fará a continuación”, trala proposta presentada o pasado martes polo Ministerio de Industria e a Xunta, que apraza o límite das negociacións ao 28 de setembro. Iso permitiría negociar ata o día 27 a venda da fábrica de aluminio primaria á firma británica Liberty House Group, pertencente ao conglomerado internacional GFG Alliance. Os traballadores aceptan esta proposición, similar á súa; por agora, a compañía radicada en Pittsburgh non se pronunciou sobre a mesma.

A PARADA DE CUBAS, OBXECTIVO A EVITAR POLOS SINDICATOS

O comité, que reclama a Alcoa que non leve a cabo unha parada das cubas de fundido do metal, por considerar que iso supoñería o peche definitivo da fábrica, avoga por facilitar a venda a outra empresa a cambio de manter o emprego. “Chegar a un acordo sería moi bo, xa que entrariamos nun proceso que podería significar a continuidade de todos o empregos e seguridade para a comarca da Mariña“, segundo Zan. O presidente do comité avoga por que o comprador sexa español, pero recoñeceu que de momento a oferta de Liberty House parece contar cun “plan industrial serio a dez anos“, dixo. “O que queremos é traballar e dános igual o nome que figure nas chaquetas”, concluíu Zan.

“TODOS OS ESCENARIOS ABERTOS”

Zan confía en que o feito de que o encontro deste xoves conte con mediación do Consello Galego de Relacións Laborais faga máis factible que Alcoa acceda a estender o proceso de consultas do despedimento colectivo.

Valora que “a mediación da Xunta foi indispensable en todo o proceso con esas advertencias que dicían á empresa que tiña que sentar a buscar esa saída vía venda e explorar iso antes de tomar unha decisión no ERE”. Tamén agradece o “apoio que deu o Ministerio na última semana cara a esta posible venda”. “É fundamental para poder saír desta lameira no que se atopan tanto a empresa como nós”, remarca.

Sobre o prazo de extensión das consultas ata o 28 de setembro, Zan sinala que será o último día de negociación entre comité e empresa, pero “aí pódese, mesmo, volver ampliar por acordo das partes o período”. Chegados aí, “igual os escenarios cambian” e “o aluminio está a subir moito no mercado” e “igual a Alcoa lle interesa seguir coa produción“.

“Están todos os escenarios abertos, nós o que queremos é seguir producindo e manter o 100% dos postos de traballo, tanto da principal como das subcontratistas”, sentencia o representante dos traballadores.

ÚLTIMAS

A xuíza chamará “en breve” a declarar aos investigados polo accidente de Xove en abril

A maxistrada titular do Xulgado de Instrución número 2 de Viveiro xa recibiu da...

Foz renova a frota de vehículos con catro novos transportes para o servizo de obras

O Concello de Foz vén de adquirir catro novos vehículos para o servizo de...

Detectado en Xove outro caso de gripe aviaria en gaivotas patiamarelas

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a...

ACISA Ribadeo repartirá 6.000 euros en premios na XIII Festa do Comercio

Acisa ven de presentar a XIII Festa do Comercio. A campaña desenvolverase do 1...