O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación informou este luns do peche da costeira do bonito do norte a partir das 00.00 horas do vindeiro mércores, 19 de agosto. A partir de entón, os buques con pavillón español non poderán capturar esta especie, tendo unicamente tempo en diante para descargar as cantidades do túnido pescadas con anterioridade.
A declaración de desembarque debe presentarse nun máximo de 48 horas para os pesqueiros que cumprimentan diario en papel e nun tope de 24 horas para aqueles con obriga de diario electrónico.
O Goberno central adopta esta medida, expuxo a través dun comunicado, dado que, “tendo en conta o consumo medio diario, estímase que se alcanzaría nos próximos días o 100% da cota do citado stock”.
O peche tamén afecta ás modalidades de pesca marítima de recreo e pesca marítima deportiva.
Segundo a última actualización dos datos de Pesca de Galicia, no que vai de costeira -35 días- descargáronse en Burela 762.498 quilos, a un prezo medio de 4,03 euros, para un volume de negocio de 3.076.106 euros.
Descripción | N. Científico | Lonxa | Data | Días |
Quilos
|
Importe €
|
Mín. €/Kg
|
Máx. €/Kg
|
Medio €/Kg
|
Bonito do norte | Thunnus alalunga | Burela | 2020 |
35
|
762.498,00
|
3.076.106,32
|
0,60
|
13,10
|
4,03
|
|
762.498,00
|
3.076.106,32
|
INICIO E FIN TEMPERÁNS
O rápido consumo de cota foi unha constante nos últimos anos, unha situación que deixou un sabor amargo entre o sector pesqueiro, que entende que ante a boa situación biolóxica da especie podería permitírselle traballar cunha maior marxe. A campaña de 2019 rematou o 27 de agosto e a de 2018 o día 23 deste mesmo mes.
A campaña actual do bonito caracterizouse por un inicio temperán, posto que o pasado 3 de xuño xa se descargou túnido no porto de Burela, entre dez e doce días antes do habitual, pero tamén por un peche aínda máis serodio ca nos anteriores exercicios.
De feito, anos atrás a costeira duraba habitualmente os meses de xuño, xullo, agosto, setembro e outubro; no 2017, os barcos de pavillón español poideron faenar ata o 13 do décimo mes do ano, e na do 2016, ata o día cinco.
Ao igual que en anos anteriores, a ruta migratoria da especie, cunha presenza cercana á costa nas augas do Cantábrico, fixo que embarcacións de pequeno tamaño -como os barcos de cebo vivo- se animasen a participar na pesquería, o que explica en parte o rápido consumo dunha cota que a frota considera insuficiente.
PENDENTES DA DECISIÓN DA ICAAT PARA O VINDEIRO TRIENIO
O patrón maior de Burela, Basilio Otero, agarda que, malia que se suspendeu a reunión prevista para novembro, a International Commission for the Conservation of Atlantic Tunas (Icaat) se amose máis flexible para ampliar a cota concedida ao Estado español no vindeiro trienio. Así, lembra que “os biólogos din que se podería pescar máis bonito”. O responsable da confraría de pescadores burelá salienta que “o propio comité científico técnico-biolóxico deste organismo, o SCRS, afirma que se podería aumentar nun 12,5%; iso é o que pedimos”, resume.
Para a frota de Burela, tanto para a de artes menores como para a de censo continental, o bonito converteuse “nunha pesquería refuxio para aforrar cota das especies principais”, concreta Otero, polo que retornarán á súa actividade habitual.
O PREZO MANTIVO O TIPO MALIA A INCERTEZA DA COVID-19
Outras fontes do sector coinciden nesta valoración, concretando que “a limitación de cota é o que marca o desenvolvemento da costeira”. Con todo, o balance non é de todo negativo dado que os prezos mantiveron o tipo malia a incerteza que provoca o coronavirus, especialmente no relativo á hostalería, cunha alta demanda de peixe fresco.
As mesmas fontes tamén lamentan a comunicación abrupta do peche, sen a necesaria antelación, dado que algúns barcos “poden estar iniciando hoxe unha marea e iso provoca un trastorno a ter en conta”.