InicioEconomíaO comité ve "notable distanciamento" entre Alcoa e Liberty House, que tenta...

O comité ve “notable distanciamento” entre Alcoa e Liberty House, que tenta meter Alúmina nas negociacións

O potencial comprador reunirase coa titular este venres para chegar a un acordo co que finalizar a primeira fase do proceso de venda; a Xunta insta ás partes a "axilizar" as conversas

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa asegurou que percibe un “notable distanciamento” entre a titular do complexo industrial de San Cibrao e a potencial compradora da planta de aluminio, Liberty House. Despois da segunda reunión da mesa multilateral que fiscaliza o proceso de venda das instalacións, coa presenza de Goberno central, Xunta de Galicia, sindicatos e organismo de representación dos traballadores, os delegados sindicais do persoal expuxeron que o grupo GFG Alliance, ao que pertence o investidor, “segue insistindo nos dereitos sobre a planta de alúmina”, e que ambas partes “tentarán achegar posturas” nunha reunión esta tarde de cara a finalizar a primeira fase do calendario marcado.

Dentro das negociacións, o vindeiro 30 de agosto finaliza a primeira fase do proceso de compra-venda. Ata o 11 de setembro duraría o segundo período, no que se entrará a analizar en detalle os aspectos da compra, coa elaboración dunha ‘due diligence’ ou auditoría das instalacións que a directiva de Liberty House realizará in situ, nunha visita a San Cibrao prevista para a vindeira semana.

MENOS DUN MES PARA CHEGAR A UN ACORDO

Ata o 27 de setembro abordaríase a fase final, no que se concretaría o contrato de compra-venda inicial, o preacordo para a venda das instalacións, que debería contar co visto e prace de sindicatos e Administracións. Tamén nese pacto contemplaranse concesións e servizos compartidos.

O comité segue á espera de poder reunirse con GFG Alliance para coñecer a súa versión sobre as negociacións, xa que non ten presenza na mesa multilateral, e “valorar a información requerida por ambas partes”.

Liberty House amosou o seu interese na planta de alúmina, que tería un interese estratéxico para a siderúrxica británica, que non conta con ningunha refinería deste tipo. Con todo, díxose aberta a negociar primeiro unicamente pola fábrica de aluminio, tal e como pretende Alcoa.

De non frutificar un preacordo, Alcoa e sindicatos reuniríanse de novo para finalizar o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado en aluminio, un despedimento colectivo que suporía a perda de 534 postos de traballo na planta e doutros 400 na industria auxiliar de San Cibrao, ademais do apagado das cubas de electrólise, o que os obreiros entenden como “a morte” do complexo industrial.

CONDE RECLAMA AO GOBERNO QUE CONCRETE UN MARCO ENERXÉTICO

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, apuntou á “necesidade” de que a empresa e Liberty House “axilicen as negociacións” e volveulle demandar ao Goberno que estableza un prezo eléctrico competitivo que permita reducir os custos enerxéticos de factorías como a de Alcoa en San Cibrao.

Neste sentido, reclamou “canto antes aprobar o Estatuto do consumidor electrointensivo“, un documento que o Executivo central comprometeu “en verán”, sen que haxa data fixada para a súa aprobación”.

Tamén solicitou “avanzar na autorización das compensacións por custos indirectos de CO2 ata o máximo que permite a Unión Europea e na posta en marcha do novo mecanismo de xestión da demanda que substitúa a poxa por interrompibilidade“. Finalmente, concretou o “compromiso” de “avaliar os proxectos do plan industrial de Liberty House que finalmente puidesen optar ao Fondo Europeo de Recuperación“.

CORONAVIRUS

No tocante ao coronavirus, o comité asegura que non hai positivos entre o persoal -uns 1.200 empregados entre aluminio e alúmina-. Tres operarios están en corentena por contacto, dous deles con resultado negativo confirmado e un á espera de efectuar a PCR.

Por agora mantéñense as medidas de seguridade, entre elas as cámaras termográficas para o control de temperatura e o teletraballo na medida do posible. Seguen suspendidas as máquinas de vending e auga. O comité amosa o seu “desacordo” co peche do comedor e concreta que a empresa “valora” a ampliación da xornada intensiva durante o mes de outubro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...