O PP provincial e o alcalde de Cervo, o conservador Alfonso Villares, coincidiron este martes na súa resposta á petición por parte do PSdeG-PSOE dun “plan de reconstrución” para A Mariña Lucense ante a crise industrial e de emprego que padece a comarca, castigada no pasado mes de xullo por un brote de coronavirus que levou ao peche dos 14 municipios que conforman o distrito sanitario, co conseguinte quebranto económico para o sector hostaleiro nun dos meses máis importantes do ano. Tanto o Partido Popular lucense como o rexedor cervense saíron en defensa da Xunta de Galicia, a quen os socialistas piden a creación dunha mesa de traballo cos sectores económicos e sociais, asegurando que para reconstruír a comarca “cómezase evitando o peche de Alcoa“.
VILLARES ESIXE A APROBACIÓN DO ESTATUTO DAS ELECTROINTENSIVAS
O alcalde de Cervo insta aos dirixentes mariñáns socialistas a “que utilicen os seus encontros periódicos para solicitarlle ao Goberno central a aprobación urxente do estatuto de empresas hiperelectrointensivas, polo que levamos agardando dous anos”.
Villares apunta nesta liña, que “a verdadeira reconstrución da Mariña comeza evitando o peche das cubas de electrólise”, e para iso é primordial que o Estado devolva eses 70 millóns que viñan ano tras ano para a nosa bisbarra desde que a industria do aluminio comezou a operar “cando era pública ou privada, fose o Goberno dunha cor ou outra”; sempre, ata agora, houbo unha axuda estatal que garantía o funcionamento das cubas, hoxe en serio risco de peche. Eses 70 millóns non son máis que o estatuto de empresas hiperelectrointensivas que levamos reclamado todos, capitaneados polo comité de empresa, desde o primeiro momento”, argumenta o rexedor, nun contexto no que os sindicatos acusan á titular da planta de torpedear un proceso de venda a Liberty House.
Sen mencionar a Alcoa, o alcalde de Cervo insiste en responsabilizar ao Executivo central dun posible peche de aluminio, situación que podería darse de non frutificar unha venda. Deste xeito, afirma que “todos estamos desexando que chegue ese día no que a Ministra de Industria se achegue á nosa zona para darnos, por fin, boas novas: que as cubas seguirán operando, que a comarca seguirá a producir aluminio primario e que está garantido o 100% do emprego”; subliña.
MENTRES OS SINDICATOS APUNTAN A ALCOA, RECLAMAN A LIBERTY HOUSE “UN PLAN INDUSTRIAL E FINANCIEIRO”
A presidenta provincial do PP e deputada autonómica, Elena Candia, sostén que “a verdadeira reconstrución da Mariña é que o PSOE non peche Alcoa”. A dirixente do partido conservador insta a “traballar todos xuntos ante un obxectivo común, como manter a actividade industrial”, pero centra as súas demandas en Liberty House, potencial comprador da planta, a quen reclama que fixe “un plan industrial e financeiro, cun cronograma detallado da súa proposta”, e no Goberno central, a quen esixe “un prezo eléctrico competitivo, un marco enerxético que achegue estabilidade á planta de San Cibrao, pero tamén a toda a industria electrointensiva galega”.
Malia que nos últimos oito anos pecharon empresas como Ecar, IPV A Pontenova ou Muebles Hermida, os populares eluden falar dunha suposta necesidade de reindustrialización e centran o seu discurso na situación de Alcoa, a quen equiparan coa comarca. “O problema de Alcoa, é dicir, da Mariña, é de índole enerxética, competencia do Goberno central, é dicir, dos socialistas”, remarcan.
PLAN ESTRATÉXICO DE TURISMO E PAC
No entanto, si indican que “o Plan Estratéxico de Turismo permitirá duplicar o investimento en promoción turística da comarca a través do xeodestino, e que A Mariña recibirá aproximadamente o 20% das aportacións da Política Agraria Común (PAC), que para a provincia totalizan 30 millóns”, conclúen.
FEIJÓO, NO PARLAMENTO: “É INCOMPATIBLE FALAR DE RECONSTRUCIÓN SEN INDUSTRIA ELECTROINTENSIVA”
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, expuxo no Parlamento galego que é “imprescindible garantir un prezo eléctrico que ofreza estabilidade á industria electrointensiva. 5.000 familias dependen disto. Achegar unha solución viable e estable para os traballadores de Alcoa. Sería totalmente incompatible falar de reconstrución e, ao mesmo tempo, deixar caer empresas que supoñen miles de postos de traballo.” A situación de Alcoa foi unha das vinte liñas do seu programa político que concretou no discurso de investidura.