EFE. O portavoz de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez-Reino, pediu este mércores unha actuación conxunta por parte da Xunta de Galicia e o Goberno central para “intervir Alcoa” no caso de que a empresa non chegue a unha solución que garanta o emprego.
Os representantes de GFG Alliance (Liberty House), a multinacional interesada na adquisición da planta de aluminio de San Cibrao, citaron aos representantes do comité de empresa da factoría da Mariña esta mesma xornada. Alcoa e a potencial compradora por agora non avanzaron da primeira fase no proceso de venda das instalacións, cunha data límite establecida no 28 de setembro.
Con todo, Gómez-Reino pide unha “actuación decidida” por parte das Administracións públicas porque en Galicia durante a última década “os Gobernos autonómicos e centrais preferiron priorizar outros modelos económicos antes que fortalecer a potencia industrial galega”.
Nunha intervención ante o Congreso dos Deputados, Gómez-Reino criticou a disminución de orzamentos destinados a Industria e que fixo que a comunidade perdese peso neste sector, “esa falta de política industrial supuxo a perda de ata 27.000 empregos“.
Censurou que o anterior Goberno central, con Mariano Rajoy como presidente, deixou caer empresas en Galicia poñendo en serio perigo a Barreras ou non favorecendo a carga de traballo en Navantia Ferrol.
“Que fixo o goberno do señor Rajoy? Non fixo nada”, criticou á vez que puxo en valor os pasos dados polo Executivo central actual, “que aínda sen ser suficientes -ao seu xuízo- marcan o camiño para defender os postos de traballo“.