Representantes dunha empresa norueguesa amosaron un “interese enorme” en instalar no municipio lucense de Burela unha planta acuícola dedicada á cría de salmón, segundo expuxo o alcalde, o socialista Alfredo Llano.
O rexedor precisou esa intención tras unha reunión con representantes da empresa na que se abordaron diversas “cuestións técnicas” sobre a posible instalación desa planta acuícola na zona do Berbés, no porto, cun investimento que oscilaría “entre os 36 e 40 millóns de euros“.
Segundo o testemuño de Llano, a planta, que ocupará “25.000 metros cadrados” e creará entre “60 e 70 postos de traballo directos“, terá capacidade para producir tres millóns de quilos de salmón ao ano, comercializando unidades dun peso estimado entre “os cinco e os seis quilos”.
“O obxectivo (da empresa promotora) é que (a factoría) bote a andar o vindeiro verán, en xullo do 2021“, indicou o alcalde de Burela, “polo que están traballando para realizar os trámites administrativos cos organismos competentes, tanto a Xunta de Galicia como o Goberno do Estado, para ver a mellor maneira de poder instalarse rapidamente”.
Na xuntanza tamén se abordou “a necesidade de auga e de enerxía“, concretou Llano, que asegurou que “desde o Concello facilitaremos todo o posible” a consolidación dun proxecto “moi interesante” e por ende “de todas as empresas que queiran instalarse” en Burela.
A empresa interesada tamén amosou a súa intención de “contar con empresas da zona para a distribución ou o tratamento do salmón”, o que “daría valor engadido” á comarca.