A empresa interesada en criar salmón en Burela ofertaría uns 70 empregos para producir 3.000 toneladas anuais

Llano afirma que a compañía pretende investir "entre 36 e 40 millóns" para construír unha planta de 25.000 metros cadrados que comezaría a operar "o verán que vén"

Porto de Burela. AXM

Representantes dunha empresa norueguesa amosaron un “interese enorme” en instalar no municipio lucense de Burela unha planta acuícola dedicada á cría de salmón, segundo expuxo o alcalde, o socialista Alfredo Llano.

O rexedor precisou esa intención tras unha reunión con representantes da empresa na que se abordaron diversas “cuestións técnicas” sobre a posible instalación desa planta acuícola na zona do Berbés, no porto, cun investimento que oscilaría “entre os 36 e 40 millóns de euros“.

Segundo o testemuño de Llano, a planta, que ocupará “25.000 metros cadrados” e creará entre “60 e 70 postos de traballo directos“, terá capacidade para producir tres millóns de quilos de salmón ao ano, comercializando unidades dun peso estimado entre “os cinco e os seis quilos”.

“O obxectivo (da empresa promotora) é que (a factoría) bote a andar o vindeiro verán, en xullo do 2021“, indicou o alcalde de Burela, “polo que están traballando para realizar os trámites administrativos cos organismos competentes, tanto a Xunta de Galicia como o Goberno do Estado, para ver a mellor maneira de poder instalarse rapidamente”.

Na xuntanza tamén se abordou “a necesidade de auga e de enerxía“, concretou Llano, que asegurou que “desde o Concello facilitaremos todo o posible” a consolidación dun proxecto “moi interesante” e por ende “de todas as empresas que queiran instalarse” en Burela.

A empresa interesada tamén amosou a súa intención de “contar con empresas da zona para a distribución ou o tratamento do salmón”, o que “daría valor engadido” á comarca.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here