O presidente do comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, recoñeceu este luns queesta semana “será dura“, debido a que o domingo finaliza o prazo das negociacións para a venda a Liberty. No entanto e a pesar da “dureza” que vaticina para estes días, manifestou que “ao final o proceso acabarase no último minuto”. “Temos claro que vai ser unha semana forte e unha semana decisiva”, subliñou.
Zan lembrou que a semana pasada, para o “xoves ou o venres” esperábanse “mellores noticias, porque se meteu polo medio a Xunta de Galicia e o Goberno de España, para tentar mediar cunha oferta que fixeron por parte do Ministerio para Alcoa e para Liberty, sobre todo para Alcoa”. “Era algo bastante bo, pero Alcoa non entrou a valorar, cousa que nos estrañou. Tamén se fixo unha oferta a Liberty o xoves e aínda non dixo se a acepta ou non lle vale”, indicou.
Os traballadores da factoría mariñá confían que se “poida continuar co proceso que está tutelado por dous gobernos (Xunta e goberno central)”. “Dos que sabemos que temos o seu apoio”, reafirmou. Zan non dubida que ten que “darse a venda”. “Temos que seguir producindo ao cento por cento e temos que ser os primeiros en España en facer aluminio verde, con enerxías renovables totalmente”, abundou. “É un gran principio e unha forma nova de saír do Covid-19, porque todos os parques eólicos que se monten, o que vai supor na comarca ditos parques que será unha iniciativa benvida”, resaltou.
MOBILIZACIÓNS
En canto ás mobilizacións, o presidente do comité de empresa avanzou que ao longo desta semana se vai a “elevar a presión”, xa cunha acción programada para este martes que non queren desvelar. Estas mobilizacións abordaranse nunha reunión “extraordinaria” do comité de empresa.
“Seguiremos coas mobilizacións porque non só é deixar ver o problema, é que tamén Alcoa sinta a presión porque cremos que está a actuar de mala fe, e leva lucrándose do Goberno de España e da Xunta durante moitos anos. Non hai ningunha empresa en España que teña un porto en exclusiva para ela”, dixo en alusión a Cervo.