O deputado do BNG Néstor Rego vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso a respecto do progresivo deterioramento da infraestrutura e servizos da liña de proximidade ferroviaria Ferrol-Ribadeo. “Trátase dunha redución de servizos do 75%, que parte da restrición de movementos durante o estado de alarma, mais que continúa a día de hoxe e que deixa o tramo cun único tren diario en cada sentido”, sinalou o deputado nacionalista.
Rego lembrou que antes operaban catro saídas en cada sentido diariamente e que se están a reducir tamén as frecuencias das proximidades entre Ferrol e Ortigueira a catro en lugar das oito existentes anteriormente.
O BNG denuncia que esta situación supón “graves problemas de mobilidade” e mesmo de “illamento” para a poboación das comarcas afectadas, ademais de incidir negativamente tamén no ámbito económico de toda a zona.
Rego defende abordar no seo da comisión creada entre o Ministerio, Renfe e a Xunta de Galicia a “crítica situación desta infraestrutura de comunicación e dos servizos deficientes que se están a prestar”, de forma que se coloquen sobre a mesa “medidas concretas” que resolvan as “deficiencias estruturais” na liña Ferrol-Ribadeo e, dun modo concreto e urxente, a reposición dos servizos suprimidos desde o comezo da pandemia da Covid-19.
O BNG defende tamén a transferencia da totalidade dos servizos ferroviarios a Galicia para garantir así unha xestión máis próxima e adecuada, que garanta en todo momento a mobilidade de viaxeiros e mercadorías nas comarcas por que discorre.
OS USUARIOS RECOLLEN SINATURAS
Os usuarios do ferrocarril Ferrol-Ribadeo iniciaron días atrás unha recollida de sinaturas para que Renfe repoña os horarios, unha situación que a operadora condiciona “á demanda”; a plataforma na defensa do tren pregúntase como poden volver os clientes ao servizo cando só hai unha frecuencia por día.