O peso da tradición mantivo no calendario do outono a Feira do Mel do Valadouro. “Algúns de nos chegamos a propoñer que se cancelase porque a colleita foi malísima”, recoñece Mari Fé Sixto, unha das apicultoras que o vindeiro sábado venderá o mel nesta cita que cada ano reúne a persoas de toda a comarca da Mariña. Nesta edición serán 13 postos os que se instalarán na rúa Andrés López Palmeiro.
FALTA DE FLORACIÓN
A Feira sofre as consecuencias dun mal ano para a produción de mel en toda a comarca. “A colleita reduciuse á metade, tranquilamente”, estima Marifé. O motivo da merma foi a escaseza de floración polo tempo chuvioso da primavera e de comezos de verán. “Nin sequera os eucaliptos, que outros anos nos salvan, botaron flor”, comenta a produtora, especializada en mel multifloral. “A floración das froiteiras tamén foi menor e a dos castaños durou menos de dúas semanas”, describe. No seu caso, atrasou a colleita ata finais de setembro para aproveitar algo da floración tardía no monte.
As chuvias reduciron a floración nos montes, fundamental para a produción das colmeas
Chove sobre mollado para os apicultores, que levan anos arrastrando os problemas cuasados pola velutina. “A praga e os factores climáticos teñen reducido xa bastante a produción por colmea nos últimos anos –dos 25 ou 30 quilos aos 15 ou 20- pero este ano algúns apicultores fálannos de 2 ou 3 quilos por colmea, un balance ruinoso”, comenta Antonio Valea, secretario xeral de Abelleiros que nos da datos dun dos maiores produtores da asociación, con 400 colmeas. “Chámannos para ir con postos aos mercados e temos que decir que non porque non temos que vender“, sentencia.
Algúns apicultores viron como a súa colleITA se reducía a 2 ou 3 quilos de mel por colmea
“Coa entrada do primeiro néctar, na primavera, as raíñas comezaron coa posta e fixeron moita cría que tivo que acabar alimentándose do pouco mel que produciu a colmea porque a floración non durou nada”, explica. “E haberá outro problema”, anticipa, “os núcleos novos haberá que alimentalos no inverno con toda seguridade, porque as colmeas quedaron con moi poucas reservas”.
VELUTINA
Os factores climatolóxicos tamén afectaron a actividade da velutina que este ano “se viu menos”.”Outros anos os ataques teñen comezado moi cedo pero desta vez a velutina chegou tanto e non fixo tanto dano as colmeas”, asegura Valea que, sen embargo, non observa síntomas de remisión da praga. “Foi algo circunstancial”, apunta.
Os postos da feira abrirán ás 10 da mañá e, a diferenza doutros anos, a venda continuará pola tarde. A axenda da xornada complétase con diferentes actividades como un obradoiro de velas e unha degustación de freixós con mel. Ademais, desenvolverase unha conferencia sobre o control da velutina na que participirán Marifé Sixto, o investigador da USC Xesús Feáns e José María Vázquez, xerente da empresa Serpa.