InicioEconomíaNoite dura para os obreiros de Alcoa, de garda á intemperie despois...

Noite dura para os obreiros de Alcoa, de garda á intemperie despois de que Álex destrozase o campamento

Empregados do complexo industrial e auxiliares, familiares e veciños, seguen reuníndose as 24 horas fronte á porta principal e o acceso desde Lago para impedir a saída de aluminio

Publicada o

- Advertisement -

Os traballadores de Alcoa e empresas auxiliares fixeron na madrugada deste venres a garda habitual nos accesos ao complexo industrial de San Cibrao, para evitar a saída de aluminio da fábrica, á intemperie, despois de que a borrasca Álex, a primeira do outono en Galicia e que deixou ventos de 132 km/h en Viveiro, destrozase os campamentos.

Sindicalistas, obreiros, familiares e veciños da Mariña están a congregarse as 24 horas diante da porta principal da fábrica, para evitar a saída do produto e para controlar que os camións que entren ao complexo só descarguen a materia prima, imprescindible para que o complexo industrial -con produción en continuo- siga funcionando. Tamén pecharon o acceso habilitado por Lago, xa en Xove.

Os traballadores instan a Alcoa, con esta medida de presión, a que renuncie a aplicar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado en aluminio, que suporía uns 900 despedimentos entre a factoría e as contratistas, e sente a negociar unha venda coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) ou coa siderúrxica británica Liberty House, de quen xa rexeitou ofertas.

Á ESPERA DAS ADMINISTRACIÓNS

O comité de empresa tamén solicitou unha reunión ás Administracións, Xunta de Galicia e Goberno central, para examinar cal é a súa postura no conflito e como van obrigar a Alcoa a que acceda a deixar as instalacións.

En declaracións a EFE, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, asegurou que os traballadores teñen “ganas de solucionar o problema” e de volver traballar con normalidade na fábrica. En todo caso, tamén recoñeceu que esa solución pode chegar por unha vía “amigable ou menos amigable”.

Respecto da reunión solicitada, Zan indicou que ten que producirse “durante a fin de semana ou o luns como moi tarde“.

SINDICATOS E MULTINACIONAL NEGOCIAN A FOLGA

Este mediodía, sindicatos e Alcoa negociaban as condicións da folga indefinida que os traballadores iniciarán o domingo.

TOMÉ: “ESTARÁ BEN A SOLUCIÓN QUE GARANTA O EMPREGO”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, asegurou que á institución provincial pareceralle “ben” a solución pola que opte o Goberno de España para a planta de Alcoa en San Cibrao; sempre, iso si, que garanta a continuidade da fábrica de aluminio primario e, consecuentemente, o mantemento dos postos de traballo.

“Pode haber múltiples figuras xurídicas. Unha delas pode ser a expropiación. Hai outras. A que escolla o Goberno pareceranos ben, sempre que teña continuidade a empresa e o emprego?, dixo Tomé.

En todo caso, afirmou que “Alcoa non pode seguir tomándonos o pelo e non pode saírse coa súa”.

En canto á solución máis adecuada, será “a que consideren os técnicos” e o Goberno de España, porque é “quen está poñendo solucións” enriba da mesa para evitar o despedimento colectivo e o peche da planta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...