Ramón González Rey/axencias. O Ministerio de Industria convocou, “con carácter de urxencia”, a mesa multilateral sobre o futuro da planta de aluminio de Alcoa en Cervo para este martes ás 17.30 horas, por videconferencia. Deste xeito, pospón a xuntanza telemática prevista para este martes e cita a comité de empresa, sindicatos e Xunta de Galicia.
O comité de empresa recibiu a citación este luns a través dun correo electrónico remitido “seguindo instrucións do secretario xeral de Industria e da Peme”.
Tras frustrarse a venda a Liberty House e tamén a través da SEPI, o secretario xeral de Industria e Peme, Raül Blanco, fixouse o obxectivo de que a planta non pare “en ningún caso”.
O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non descarta que a solución pase por intervir a fábrica, como así o volveu reclamar este luns a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
Pola súa banda, a multinacional estadounidense apuntou ao prazo de 15 días que ten para aplicar o despedimento colectivo que pretende levar adiante, sen acordo co comité, e que afectaría a un total de ata 534 traballadores da planta de aluminio e a outros alomenos 400 da industria auxiliar, segundo estiman os sindicatos.
SEGUNDO DÍA DE FOLGA
Neste escenario transcorre a segunda xornada de folga indefinida en ambas as factorías, a de aluminio e a de alúmina, “sen ningún incidente” dentro da planta e con traballadores bloqueando a saída da mercadoría no exterior.
Neste sentido, fontes da empresa consultadas por destacan que se están cumprindo os servizos mínimos nas dúas plantas e que “non hai ningún incidente dentro da planta”. Os obreiros de Alcoa tiveron o apoio de traballadores da antiga Ferroatlántica Cee e Dumbría.
O COMITÉ: “TODOS OS POLÍTICOS ESTÁN DE ACORDO NA INTERVENCIÓN”
O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, recordou que “foron moitos os políticos que saíron a falar da intervención” pública do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, e ademais “de moitos partidos diferentes”.
Por iso, opina que “se todos están de acordo, non ten que haber problema ningún”.
En canto ao futuro inmediato da factoría, o comité opina que a solución podería ser “unha expropiación para facer unha venda inmediata a outra empresa e así evitar problemas xurídicos na Unión Europea“.
“Supoñemos que irá por aí. Pero agora temos que saber que alcance ten a intervención, se afecta á planta de aluminio só ou tamén á de alúmina. Temos que saber como será. Tamén se por parte da Administración houbo contactos con Alcoa ou non. Se cadra Alcoa recapacita e accede a vender”, concluíu.
OBREIROS DE AUXILIARES: “AS NOITES SON FRÍAS E AS MAÑÁS COMPLICADAS, PERO CONFIAMOS EN SAÍR ADIANTE”
O voceiro da coordinadora que aglutina a representación sindical nas auxiliares, Kike Rocha, asegurou que “as noites son frías e as mañás complicadas“, pero o “ánimo” dos traballadores “está ben”, porque “confían en sacar isto adiante”.
Afirmou que a “meta principal” do persoal e dos traballadores de auxiliares é conseguir unha “intervención pública” da fábrica, pero en ningún caso se negan a outras solucións, sempre que garantan a produción e o mantemento dos postos de traballo.