O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, aprobará este martes previsiblemente a ‘Folla de Ruta do Hidróxeno‘, coa que busca impulsar un sector que mobilice 8.900 millóns de euros en investimentos e que será clave para que España alcance a neutralidade climática e un sistema eléctrico 100% renovable non máis tarde de 2050, segundo informaron fontes do Goberno.
O documento, cuxo desenvolvemento está contemplado no Plan Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030, inclúe 60 medidas e fixa obxectivos estatais -aliñados coa Estratexia Europea do Hidróxeno– a 2030.
Entre estes obxectivos estatais do hidróxeno verde a ese horizonte de dez anos, inclúense catro xigavatios (GW) de potencia instalada de electrolizadores -o sistema de produción de hidróxeno renovable empregando enerxías limpas e auga-, o que representa un 10% do obxectivo marcado pola Comisión Europea para o conxunto da UE.
Ademais, fíxase que un mínimo do 25% do consumo de hidróxeno pola industria deberá ser renovable. Na actualidade, a industria emprega a práctica totalidade das 500.000 toneladas de hidróxeno que consome España anualmente. Na súa maioría, o produto utilizado de orixe fósil (ou hidróxeno gris), é dicir, emprega gas natural como materia prima na súa elaboración. Por cada quilogramo de hidróxeno renovable que substitúe a un consumo existente de hidróxeno non renovable, evítanse nove quilogramos de CO2 á atmosfera.
O documento podería beneficiar, de acceder Alcoa a unha venda, a un proxecto de futuro para planta de aluminio por Liberty House. A siderúrxica británica presentou un proxecto aos sindicatos que pasa por abaratar o gasto en enerxía eléctrica coa xeración de hidróxeno verde a partir de fontes renovables.