EFE. O Parlamento de Galicia aprobará mañá mércores por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo PPdeG pola que demanda ao Goberno central que elimine os límites impostos por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica á comercialización do marraxo dentuso capturado pola frota galega de palangre de superficie.
Así o acordaron os diferentes grupos parlamentarios no debate celebrado esta tarde en torno á iniciativa do PPdeG, cuxo texto reclama tanto ao Estado como á Comisión Europea que analicen as medidas de protección e de “xestión sostible” desta especie de modo “que non leven ao quebranto económico da frota”.
Actualmente, a frota galega apenas pode comercializar unha terceira parte do total de capturas permitido legalmente logo das últimas disposicións gobernamentais adoptadas a raíz da inclusión desta especie de tiburón no rexistro de especies ameazadas.
PP: “É UN BROUCAZO ABSOLUTO Á FROTA”
Isto supón -a ollos da deputada popular Teresa Egerique– un “broucazo absoluto á frota palangreira”, que permanece á espera dun certificado para poder vender os exemplares que non se chegou a emitir, mentres o ministerio de Pesca mantense “de perfil” neste asunto.
Deste xeito, entre críticas ao papel xogado polo Executivo estatal, Egerique pediu o apoio, que solicitarán mañá, a unha proposición non de lei que “ten que ser un impulso de todos os grupos políticos de Galicia” para que “se poida dar saída a ese marraxo”.
A parlamentaria do PPdeG recordou as diferentes comunicacións da Xunta co Goberno central achega deste tema e insistiu en que o sector vive unha “situación límite” ao estar afectado por “decisións moi políticas e moi ideolóxicas“.
OTERO (PSdeG): “PÓDESE RECUPERAR A ESPECIE SEN CESAR A PESCA”
A pesar do enfrontamento verbal que mantiveron, o PSdeG anunciou que apoiará o contido desta proposta, cuxo contido comparten malia a “confrontación” que, segundo a deputada Patricia Otero, quixo sementar o PPdeG.
“Pódese conseguir a recuperación das especies sen necesidade de cesar a actividade pesqueira”, sostivo Otero, que agregou que “así se demostrou nos últimos anos” con casos como o do atún vermello, polo que -opinou- “non sería necesario adoptar ningunha medida a maiores que poida supoñer un grave prexuízo económico” para o palangre.
O BNG: “A FROTA GALEGA CUMPRE COAS NORMAS, NON TODOS OS PAÍSES PODEN DICIR O MESMO”
Mentres tanto, Rosana Pérez, do BNG, tamén trasladou que votarán a favor da iniciativa e pronunciouse de forma contundente en contra do papel desempeñado neste asunto polo Goberno central e os distintos organismos europeos.
Pérez recalcou que a flota palangreira galega “é unha frota que cumpre co marco normativo europeo” e que “non todos os países poden presumir do mesmo”, polo que non entendeu o sentido das restriccións aplicadas sobre a venda do marraxo.
“Todo o que se lle esixe á flota galega non o teñen que cumprir os barcos doutros países”, lamentou, de forma previa a reclamar o permiso de venda para todas as toneladas de marraxo capturadas legalmente e que permanecen almacenadas polo sector á espera dunha autorización para comercializalas.
PROBLEMA QUE SE UNE Á CAÍDA DO PREZO DA QUENLLA
As asociacións de armadores de palangre de superficie de Galicia, entre elas a OPP Lugo, con sé en Burela, advertiron da situación de “alerta vermella” no sector por esta circunstancia, á que se une o baixo prezo de comercialización da quenlla.