InicioEconomíaO alumnado de secundaria da Mariña reivindicará cunha marcha o domingo un...

O alumnado de secundaria da Mariña reivindicará cunha marcha o domingo un futuro industrial na comarca

Coa marcha, comité, institutos e Anpas pretenden visibilizar que "a mocidade é a principal afectada" polo conflito laboral en Alcoa e reclamar a intervención da planta de aluminio

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa e representantes do profesorado do IES Illa de Sarón (Xove) e da Anpa do instituto Marqués de Sargadelos (San Cibrao, Cervo), deron este mércores unha rolda de prensa conxunta na que convocaron á comunidade educativa de secundaria da Mariña Lucense a participar o vindeiro domingo, 11 de outubro, nunha marcha desde o cruzamento do Castelo ata o acceso do complexo industrial, baixo o lema ‘Polo noso futuro‘. A manifestación servirá para reclamar a intervención da planta de aluminio, na que a multinacional presentou un despedimento colectivo que podería afectar a máis de 900 empregos entre a factoría e a industria auxiliar.

DESDE O CASTELO AO COMPLEXO INDUSTRIAL

O acto reivindicativo, de 11.00 a 12.00 horas, pretende visibilizar as consecuencias socioeconómicas do posible peche das cubas de electrólise para a mocidade da Mariña, que perdería unha opción laboral que deu emprego de calidade a varias xeracións de mariñaos.

“Queremos con este acto apoiar aos traballadores de Alcoa e auxiliares e as súas familias”, explica Xavi Melgar, docente de Formación Profesional (FP) e vicedirector do IES Illa de Sarón, e “lembrar que o noso alumnado, de pechar esta fábrica, vai perder un dos seus activos máis importantes, porque perderemos potencial laboral e formación”.

“NON DEFENDEMOS UNHA EMPRESA, SENÓN O MODO DE VIDA DUNHA BISBARRA”, DI O PROFESORADO

Sobre a convocatoria, precisou que “faremos unha andaina coa xente nova do instituto de secundaria para escenificar que os principais afectados son xustamente eles, porque sen empresas potentes van ter que emigrar. Tentaremos mobilizar a todo o mundo e amosar que a rapazada tamén ten ganas de defender os seus dereitos e a súa industria”, concretou.

Neste sentido, o IES Illa de Sarón ten unha titulación que forma especificamente aos alumnos para traballar na industria do aluminio, tanto no complexo de Alcoa coma no conglomerado de arredor de 30 empresas auxiliares que realizan traballos no mesmo. Trátase do ciclo formativo de grao superior de programación da produción en moldeo de metais e polímeros, cuxa matrícula é de 20 alumnos -máis aquelas persoas que actualmente están en período de prácticas formativas-. Melgar afirma que a matrícula “baixou” por mor do conflito laboral: “todo isto é unha cadea, e estamos a defender non unha empresa senón un modelo de vida e o o eixo produtivo dunha comarca”.

AS FAMILIAS: “SOMOS CONSCIENTES DE QUE ESTÁ PENDENTE O FUTURO DA MOCIDADE”

Pola súa banda, Luján Ramos, presidenta da asociación de pais e nais do instituto de San Cibrao, expuxo que “poñeremos toda a carne no asador para transmitir esta mensaxe e que todos os nenos acudan, porque somos conscientes de que está pendente o seu futuro”. A dirixente do colectivo de familias lembrou outros momentos de crise no complexo industrial como o conflito laboral do Casón e confiou en que “a loita que os traballadores estades levando acabe en bo porto. Ímosvos apoiar coas armas que temos, que son xuntarnos e acompañarvos”, asegurou.

UNHA MANIFESTACIÓN “EMOTIVA E EDUCATIVA”

Finalmente, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, argumentou que a mobilización quere “visibilizar o que nos xogamos aquí. Non só o presente, senón o futuro dunha xeración enteira que se pode ver abocada á emigración e vivir lonxe de onde naceu”. Deste xeito, sindicatos e centros educativos fan unha chamada “a pais e nais de toda a comarca para que deixen aos rapaces en idade de cursar o ensino secundario no Castelo e veñan agardalos aquí á fábrica. Será unha marcha moi emotiva e educativa para os rapaces, que pelexarán polo seu futuro. Temos que ter unha xeración forte, formada e con posibilidades de atopar un traballo digno nesta bisbarra”, explicou.

O COMITÉ ESPERA A COMUNICACIÓN DE ALCOA “A FINAIS DESTA SEMANA”

Respecto do conflito laboral, asegurou que está “en punto morto. Estamos pendentes da comunicación de Alcoa, da impugnación pola nosa parte e da solicitude dunha cautelar para a paralización do proceso, e do apoio das Administracións para que dunha vez por todas a Xunta de Galicia pida a intervención e o Goberno central a faga; se as Administracións ven mala fe, como queda demostrado que hai, é o momento de acabar coas palabras e pasar aos feitos”, valorou.

Neste sentido, afirmou que agarda novas de Alcoa “para finais desta semana. É probable que non esgoten o prazo porque non teñen vontade de negociar nin de solucionar amigablemente este conflito”, concluíu.

CONTINÚA A FOLGA E SÓ SAE HIDRATO PARA A INDUSTRIA FARMACÉUTICA

Sobre a folga indefinida, dixo que se “está a completar á perfección; non sae aluminio que non sexa para refundir e o que se está a facer é dun coste inmediato para Alcoa. Só deixamos saír hidrato para a industria farmacéutica, porque cremos que é a nosa obriga como sector esencial non deixar desabastecida á sociedade, non só á galega ou á española, senón neste caso tamén á portuguesa”, finalizou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...