Alcoa púxolle prezo o pasado mércores á “reestruturación” que pretende aplicar na planta de aluminio primario de San Cibrao, isto é, ao Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporá o apagado das cubas de electrólise, o corazón industrial da Mariña Lucense: entre 35 e 40 millóns de dólares, ou entre 30 e 34 millóns de euros, segundo anuncia nunha nota de prensa.
No comunicado, no que presenta os seus resultados trimestrais, Alcoa concreta que prevé “no último cuarto do ano” uns “gastos de reestruturación” de “entre 35 e 40 millóns de dólares relacionados con custos dos empregados”, isto é, coas indemnizacións dos 524 obreiros que pretende despedir na factoría, e que agarda que estean pagadas “principalmente na primeira metade de 2021”. Unha perda de postos de traballo á que habería que sumar, malia que Alcoa non responde por esta cifra, outros alomenos 400 de empresas auxiliares.
As indemnizacións para os obreiros afectados serían, segundo o comunicado empresa, de 30 días por ano traballado ata un máximo de doce mensualidades, despois de que sindicatos e Alcoa non chegasen a un acordo no período de consultas do ERE, e de que a empresa rexeitase ofertas de compra das instalacións tanto de Liberty House como da propia Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).
COMPLETOU O PECHE DA FUNDICIÓN DE INTALCO (WASHINGTON)
Segundo a mesma nota, Alcoa deixa clara a estratexia da compañía de “reducir custos e buscar unha rendabilidade sostible, incluíndo a revisión das súas capacidades de produción e activos complementarios”. Un plan de axuste que anunciou en outubro do pasado ano e no que prevía o peche de plantas -sen explicitar cales- como a de aluminio de San Cibrao, cunha capacidade de 228.000 toneladas métricas anuais.
Neste contexto, Alcoa expón no comunicado de que no pasado agosto completou o peche da súa fundición de Intalco, en Washington, cunha capacidade de 279.000 toneladas métricas anuais. Os gastos aproximados do recorte ascenderon a 23 millóns de dólares, segundo a compañía radicada en Pittsburgh.
“A través da combinación das accións estratéxicas” como o peche destas plantas, “os programas 2020 e as iniciativas de resposta Covid-19, Alcoa está en camiño de xerar, aforrar e diferir aproximadamente 900 millóns de dólares en accións en efectivo no 2020″, conclúe a multinacional, que segue a folla de ruta malia a confianza expresada tanto polo Goberno de España como polo da Xunta de Galicia en que “entre en razón” e negocie de novo unha venda.
O ESTADO AMEAZOU CON REVISAR AS AXUDAS RECIBIDAS SE PECHA
Non contabiliza Alcoa nesta previsión de gastos o diñeiro que podería reclamarlle o Estado de non cumprir cos requisitos para acceder a axudas estatais como as compensación de costes de emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro (CO2), polas que San Cibrao en conxunto -contando a refinería- recibiría case dez millóns. O Ministerio de Industria advertiu de que examinará as solicitudes formuladas e insiste nesta medida de presión para tentar que a multinacional sente a negociar. O Goberno central cuantifica en 800 millóns en dez anos as subvencións recibidas pola empresa, que á súa vez lembra que o diñeiro percibido en materia de interrompibilidade non é susceptible de devolución, o que reduce esa cantidade “a 43 millóns” nese mesmo período de tempo.
Deste xeito, semella que a única posibilidade para revertir a clausura da electrólise é a intervención temporal da fábrica, unha medida que malia que foi respaldada no Congreso segue polo momento a ser eludida polo Executivo central. En declaracións a El Diario, o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, escudouse nos “infindos lixitios” que supuxo a anterior expropiación, a de Rumasa, para arrefriar esta vía.