A Xunta de Galicia decidiu declarar “central e estratéxico” o sector electrointensivo, unha “mensaxe” para os posibles investidores da planta que Alcoa quere pechar en San Cibrao e que suporá, entre outras medidas, a axilización de trámites administrativos.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expuxo que coa declaración de sector estratéxico, a Xunta dará “prioridade” na tramitación, que reducirá os seus prazos á metade, a calquera expediente dun proxecto electrointensivo que xere 25 ou máis postos de traballo, que o investimento en activos fixos iguale ou supere o millón de euros e que complete cadeas de valor.
Segundo o exposto polo Goberno autonómico, acollerse a esta declaración require de “manter os requisitos exixidos e cumprir as directrices autonómicas a nivel lexislativo, técnico e medioambiental”, e non conleva outros beneficios, agás “ser obxecto dun seguimento personalizado e específico desde a Oficina Doing Business Galicia ata a súa implantación”.
A industria electrointensiva supón o 5,7% do valor engadido bruto (VAB) e representa case a metade (45,2%) do sector industrial galego, segundo concreta a Xunta.
Unha industria que engloba o sector do aluminio (Alcoa, Cortizo, Aluman, Exlabesa e Extrugasa), pero tamén a siderurxia (Megasa e Celsa), a metalurxia non férrea (Ferroatlántica e Xeal), a fabricación de cementos (Cosmos), a transformación da madeira (Finsa, Grupo Tojeiro e Intasa) e os sectores papeleiro (Ence), químico (Showa Denko Carbon Spain) e conserveiro (Jealsa e Frinsa) e que se caracteriza porque o custo enerxético da súa actividade pode chegar a supoñer un 50% dos custos de produción, polo que a electricidade é un factor primordial nos seus procesos. Le a información completa no Galicia Confidencial.