O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana iniciou experimentos en campo con prototipos para buscar solucións que reduzan o efecto adverso da néboa na circulación viaria no tramo da A-8 comprendido entre Mondoñedo e A Xesta. Entre eles, hai proxectos con balizas de luz láser e tecnoloxía LED.
Nun comunicado, o Ministerio lembrou que a finais de 2019 formalizou sete contratos de servizos de investigación e desenvolvemento da Compra Pública Precomercial (CPP) cuxo importe total ascendeu a 5,64 millóns de euros.
Tres deles están centrados no desenvolvemento de sistemas de axuda á condución en situacións de néboa e os catro restantes para deseñar sistemas para disipar a brétema xa sexa por illamento, eliminación ou desprazamento.
A nova fase de experimentación, que inclúe a construción e instalación das tecnoloxías a escala real, intervén tralos estudos para demostrar a eficacia e a viabilidade técnica e económica de cada proposta. Catro dos prototipos deben probar o seu correcto funcionamento na mencionada zona. Entre eles figuran un de “difusión automático por aspersores de materiais higroscópicos” e outro que combina “barreiras estáticas e barreiras dinámicas que empregan dispositivos fluído-mecánicos”, precisa o Ministerio.
Os prototipos de asistencia aos condutores de vehículos inclúen un sistema de balizas laterais na vía con luz láser e outro de señalización horizontal con tecnoloxía led proxectada sobre a calzada, engade. “Unha vez validada a tecnoloxía ensaiada, procederase a unha contratación convencional para a construción dos sistemas seleccionados”, conclúe.
O DELEGADO DO GOBERNO: “É UNHA BOA NOVA PARA LUGO E GALICIA”
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, afirmou este venres que o inicio dos traballos para colocar os prototipos é “unha boa noticia para Lugo e para Galicia porque permitirá resolver en gran medida un problema para a seguridade viaria“.
Le a información completa no Galicia Confidencial.